" />
limpeza desfinfección contenedores

Confírmase a adxudicación do contrato de limpeza viaria e recollida de lixo tras desestimar o TACGAL os recursos presentados

O novo contrato para o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo entra na súa fase final.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública resolveu onte os recursos presentados polas empresas Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares e Ascan Servicios Urbanos contra a exclusión das súas ofertas, levantando asemade a suspensión do proceso polo que o Concello de Lugo poderá proceder agora á adxudicación da concesión.

A mesa de contratación, determinara o pasado día 3 de decembro, logo de valorar ás empresas que chegaran coa mellor puntuación ao final do procedemento, propoñer á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building como a adxudicataria por presentar a oferta máis vantaxosa para os intereses municipais.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente lembrou que á licitación, que comezou en xullo de 2020, concorreron oito empresas e para avanzar durante todo este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas que ían resultando excluídas. Agora, nun proceso que é totalmente garantista, queda demostrado que o Concello deu sempre pasos en firme para poder culminar o procedemento canto antes, tendo en conta que se trata dunha das concesións que, con maior urxencia, precisa actualizar a cidade”.

O edil lembrou que “xa a propia Alcaldesa de Lugo deu conta do cambio cuantitativo e cualitativo que suporá este contrato na mellora das prestacións pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma”.

A licitación, que terá unha duración de dez anos improrrogable, suporá un investimento de 134’1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Un incremento que case duplica ao do contrato anterior.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Para a rexedora, este contrato suporá un fito co que avanzar na segunda transformación do Lugo verde e amable, deseñado xa durante o anterior mandato e que situará ao concello na vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade. Deste xeito, outras das imposicións determinadas no expediente incentivan o emprego de produtos reutilizables, reciclables ou valorizables, a redución de emisións contaminantes e sonoras, a aplicación de tecnoloxías eficientes que minimicen os consumos de enerxía, etc… co fin de provocar o menor impacto medioambiental posible e evitar molestias á veciñanza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo