Continúa a suba de casos activos mentres que o número de positivos detectados mantense en cifras semellantes

Un día máis faise evidente a evolución negativa da pandemia do Coronavirus na nosa provincia. Con preto de 40 positivos novos detectados nas probas realizadas onte, son xa 496 as persoas que teñen nestes momentos unha infección activa detectada en proba diagnóstica. Valores que non se daban dende o 1 de marzo, cando desaparecía a terceira vaga. 

Con todo, o número de positivos mantense en cifras semellantes ás do domingo con 37 novos casos, fronte aos 32 da xornada dominical, unha suba que tende a darse xa que durante as fins de semana fanse menos probas diagnósticas. 

As altas médicas continúan sendo case anecdóticas, con 10 altas celebradas na última xornada, a toda vista insuficientes para contrarrestar os casos que non deixan de subir. 

No tocante a presión asistencial, Lugo mantense nas mesmas cifras que en xornadas anteriores, con 5 pacientes en planta, catro no HULA e un na Costa, e un paciente covid na UCI do Hula. 

E tralo aumento que se vén dando nas últimas semanas e que resulta case imparable, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que o comité clínico que se reunirá esta tarde modelará o nivel de restricións á situación epidemiolóxica actual. Entre outras posibilidades non se descartan cambios nos límites de grupos de persoas ou as medidas de seguridade en grandes eventos. 

Por Concellos e segundo informa o SERGAS, Lugo sería a cidade con máis positivos, que non con máis incidencia. Así, 202 positivos fronte aos 88 de hai unha semana, a capital da provincia postúlase como a zona cero do virus na provincia.

Tamén experimentaron suba de casos outros 34 concellos da provincia, os máis chamativos, Castro de Rei, A Pastoriza e Meira, que, malia que en cifras non teñen moitos positivos o certo é que a incidencia preocupa a sanidade tras o gromo surxido nunha voda. Así, Castro de Rei ten una incidencia de 354 casos por cada cen mil habitantes, Meira, 514 e A Pastoriza, suma 269. A situación en Sarria, concello en nivel alto de restriccións estabilízanse en 64 casos activos. Por último, Sanidade tamén vixía de cerca aos municipios de Lourenzá, Láncara e Carballedo con 327, 270 e 233 casos por cada cen mil habitantes respectivamente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com