Continúa o misterio sobre que facer coas torres do Garañón

O concello de Lugo acolleu hoxe a Comisión do Garañón, onde o goberno local daba conta das opcións de Disciplina Urbanística e presentaba a preferencia de actuación do equipo de Lara Méndez nas torres do Parque de Rosalía. Así o anunciou a propia rexedora quen afirmou que quería trasladar aos voceiros da oposición o que consideraba como mellor opción: derrubar as torres. Pero, unha vez máis, esta xuntanza non foi para todos os gustos.

O Goberno propuxo na comisión non permanente sobre a CS-5 a súa preferencia por repoñer a legalidade no Garañón a través do derribo. Lara Méndez, ademáis, subliñou que “demos conta das conclusións do servizo municipal de Disciplina Urbanística para ver que opcións temos de cara á reposición da legalidade no Garañón, e poñelas enriba da mesa”.

Polo tanto, matizou, “non se trataba hoxe de tomar a decisión de maneira inmediata, senón de trasladarlle á oposición as distintas alternativas para que logo eles teñan tamén a capacidade de darnos a súa opinión e postura ao respecto”. A rexedora anunciou que para solicitar a demolición necesitan os informes correspondentes dos departamentos municipais de Arquitectura e Infraestructuras que determinen como facelo.

A primeira agrupación en dar as súas conclusións desta comisión foi Cidadáns, Olga Louzao, a súa voceira, afirmou que “non se ven avances do equipo de goberno neste tema” e que afirmou que “Cada día que pasa coas torres do Garañón en pé, demostráse que esta alcaldesa non ten intención ningunha de tiralas”. Louzao tamén lembrou as indemnización que lle pode acarrear ao concello a non demolición destas torres.

Tamén neste senso falou o voceiro do Grupo Municipal do PP, Antonio Ameijide, quen amosou a súa preocupación xa que “dende maio non se avanzou absolutamente nada” na comisión do Garañón polo que a situación está enquistada no mesmo punto que hai varios meses.

Pola súa banda, o edil de Lugonovo, Iñaki García, referiu a necesidade de agardar a dispoñer do informe realizado polo Servizo de Disciplina Urbanística para avaliar con precisión os pros e contras das dúas opcións que os técnicos deste departamento consideran máis acaídas para restaurar a legalidade nas costas do Parque de Rosalía. García Gómez lembrou que, políticamente e xa dende o inicio, a formación posicionouse sempre a favor da demolición das torres como a única solución realista e práctica.

Tamén o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, quixo posicionarse neste tema e lembrou a propia comisión que o Concello de Lugo está obrigado á apertura inmediata do expediente de reposición da legalidade na zona, aínda que a alcaldesa, dixo, pretenda vender esta obriga legal como unha decisión política.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com