Convocadas as axudas para a execución de accións de mellora e conservación da Rede Natura 2000

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se convocan as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación nos espazos incluídos na Rede Natura 2000, por un importe de 2,4 millóns de euros. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca estas subvencións para as que, tal e como recolle na orde, se establecen dúas anualidades para os anos 2020 e 2021.

O obxectivo desta liña de subvencións é conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais; ao tempo que se mellora a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.

Os beneficiarios son as persoas titulares de terreos agrícolas e forestais privados, os concellos incluídos na Rede Natura 2000 e asociacións medioambientais e de custodia do territorio. Só se admitirá unha solicitude por solicitante, que se poderá presentar no prazo dun mes a contabilizar desde mañá.

Así, poderán ser obxecto destas subvencións, as actuacións dirixidas a mellorar a paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento dos usos recreativos, como a creación ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindes e bordos non cultivados nas parcelas agrícolas, restauración de muros de cachotaría, adecuación de carreiros rurais, así como a creación de rutas e áreas recreativas co correspondente equipamento de información e interpretación.

Tamén se poderán beneficiar destes incentivos as actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais e culturais, como a rehabilitación de hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes; así como as accións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas, como a creación de cercados naqueles casos non que sexa recomendable a limitación de acceso a persoas, a restauración de humidais, a preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes ou a eliminación de especies exóticas invasoras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com