" />

Darío Campos presenta os orzamentos da Deputación no Parlamento

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, recibiu hoxe o seu bautismo no Parlamento Galego. Campos, compareceu este xoves na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para informar das liñas do Presuposto da Deputación de Lugo para 2016. O orzamento consolidado do organismo provincial para o vindeiro ano ascende aos 87,8 millóns de euros, cifra lixeiramente inferior a de 2015, pois o presuposto do ano que agora remata foi de 89,4 millóns, pero no que se incrementan os investimentos reais na provincia en 8,1 millóns de euros grazas á débeda financeira de cero euros que ten a institución luguesa.

O Presidente fixo un relatorio das partidas dos orzamentos, manifestando que eran produto da débeda cero que acadou este organismo na lexislatura actual . Campos sinalou que, o Goberno Provincial contará con orzamentos participativos no 2017, no vindeiro ano non será posible por estar xa aprobados os presuposto, adiantou. Con todo, o Presuposto da Deputación para 2016 responde ás prioridades que os lucenses trasladaron á institución durante a elaboración das contas participativas do 2015, que son o fomento do emprego, as políticas sociais e as infraestruturas; así como á necesidade de cooperar cos 67 Concellos da provincia na prestación de servizos para os cidadáns e no aforro de custos correntes.

Entre as novas partidas é de destacar a posta en marcha dun Plan Integral de Turismo na provincia. “No 2016, achegaremos ao inicio deste proxecto 500.000 euros. Trátase dunha ambiciosa iniciativa, que desenvolveremos ao longo do mandato (2015-2019), pois queremos converter a nosa provincia nun referente turístico no país, xerando máis emprego e favorecendo o crecemento económico deste sector. Hoxe o turismo xa representa o 13% do produto interior bruto de Lugo. Para elo, avaliaremos os recursos dos 67 Concellos da provincia, que fan que Lugo sexa única. E farémolo en coordinación cos todos os profesionais do sector. Dende os establecementos hostaleiros, de comercio, empresas de lecer… ou cos colectivos que aglutinan a estes profesionais. Ademais, seguiremos colaborando co impulso da súa actividade cunha partida de case 2 millóns de euros”.

Asemade destacou os investimentos en políticas sociais “neste eido destaca tamén o esforzo inversor que seguimos a facer na educación pública de calidade. Para nós, a educación non é un gasto, senón un investimento de futuro, o dos nosos mozos.  Por iso, mantemos o único centro público na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual: a Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. E facémolo con 1,6 millóns de euros, que nos permitirán, entre outras cousas, que, por noveno ano, a matricula na Escola sexa gratuíta para os non repetidores”. No 2016, tamén se achegan outros 350.000 euros ao Plan de Impulso do Campus de Lugo. Ademais, o vindeiro curso académico (2016-2017) abrirá as súas portas o centro de referencia da UNED no noroeste de España, que se sitúa na capital luguesa, cuxas obras financiou a Deputación con 2 millóns de euros.

O fomento do emprego nunha provincia coma Lugo que é, xunto con Ourense, a máis envellecida de Galicia, pasa polo impulso das políticas sociais. Esta é outra das prioridades dos lucenses, á que atendemos no Presuposto para 2016, incrementando os investimentos para políticas sociais ata superar os 10 millóns de euros. No Orzamento de 2016, refórzanse as axudas para persoas con discapacidade e para maiores, con máis de 2,5 millóns de euros en axudas para colectivos sociais, o SAF, teleasistencia ou para actividades en impulso da autonomía. Investirase preto de 1 millón de euros no funcionamento das primeiras residencias e centros de día públicos da Deputación de Lugo, que darán emprego directo a ducias de persoas, ao tempo dinamizarán a economía local nos Concellos, facendo fronte, deste xeito, á sangría demográfica que sofre o noso rural. “Esperamos acadar os permisos legais da Xunta para facelo”, aseverou.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo