Darío

Desde hai vinte meses, por causa da gran plaga ou por calquera outra igualmente letal, estamos perdendo seres queridos que nos deixan en situación de desamparo permanente. O último, Darío Xohán Cabana, un dos máis fructíferos, intelixentes e xeniais poetas e narradores do país.

Primeiro foi excelso poeta, para logo consagrarse na prosa. E se en poesía premiárono co Martín Codax, Ciudad de Ourense, ou Celso Emilio Ferreiro, en narrativa foron o Xerais, Barco de Vapor ouCiudad de Lugo, e en tradución o Lois Tobío, o da Asociación de Escritores, e a Medalla de Ouro de Florencia pola tradución do Cancioneiro de Petrarca e a Divina Comedia de Dante.

Da escola de Alonso Montero, devoto de Manuel María e Méndez Ferrín, sen esquecer a Álvarez Blázquez, era perfecto coñecedor da literatura galega de tódolos tempos.

E por xenial podía permitirse cousas brillantes aparentemente triviais, e publicou dia a dia durante 34 anos cadanseu crucigrama galego na Voz, ou no vello xornal municipal “Praza Maior”, as Coplas do Cego de Albeiros.

Quede aquí como oración e pranto este anaco de “A Fraga amurallada”, que nos retrata a todos os que de fóra viñemos a Lugo: Nacéramos no val ou no alto monte / onde o vento nas árbores cantaba / e o reiseñor das albas pregoaba / a gloria do regueiro e máis da fonte. / Amabamos o fúlxido horizonte, /a fraga mesta que o poeta gaba / e as pradelas en flor e a terra brava, / montesía e xangal morada de onte. / Mais un dia viñemos e arraigamos / nos arrabaldos novos, oh cidade! / e pisámosche as rúas empedradas, / e agora somos teus e ben te amamos, / e ás vegadas tamén temos saudade / das terras atrás nosa abandoadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com