" />

De festas e de futuro

En tempo normal, viviríamos días de respirar fondo despois de xornadas memorables, cando o corpo pide un descanso que non se lle dá xa que as resacas festeiras teñen tamén as súas obrigas. Pero este tempo non é normal, aínda que aquí non percibamos problemas graves, correndo o perigo de reducir a pandemia a un simple estado de contas entre a vida e a morte, ollando de lonxe lugares nos que mirarse no caso de que veñan peor dadas.

Se será raro este tempo que nas case seis décadas que levo en Lugo foi o único ano no que non vivín ningún acto festeiro. Só souben por vía virtual do pregón de Tonina Gay, comprobando que a veterana mestra da información pode e debe seguir dando leccións maxistrais coma a que ven de impartirnos. E se as festas son tempo de camiñar pola vía dos “panem e circenses”, visto está que non nos damos subtraído á única preocupación que nos embarga.

Certo que houbo concertos en lugares inauditos nos que vinte persoas son unha multitude por obriga legal, pero á hora ritual dos viños, cando todo chama á plegaria de Baco ou da memoria cervexeiro-céltica, na ruta líquida do centro de Lugo podía haber bares baleiros, o que me produce unha forte tristura, pensando que esta situación non ten compensación nin substitutivo no mundo virtual.

Quero pensar que o noso xeito de vivir vai ter amaño e o ano que ven teremos festa como San Froilán e a tradición mandan, e que o que agora nos acouga só será un mal recordo. Quero crelo, e agardo velo antes de que os peches que pesan sobre nós nos fagan esquecer os saudables contactos persoais que demostran que somos xente que sabe vivir e convivir.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo