Dedaleira atende a 275 persoas con discapacidade en centros educativos

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), en colaboración coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), atendeu dende  febreiro deste ano a un total de 275 persoas a través do servizo DEDALEIRA de atención e promoción da autonomía afectivo-sexual, destinado ás persoas con discapacidade e a súa contorna afectiva, como son as parellas, familiares ou persoas do seu ámbito social ou institucional.

Este servizo, que financia Obra Social “la Caixa”, impartiu charlas en 7 colexios de educación especial: Manuel López Navalón e A Barcia en Santiago, Príncipe Felipe en Pontevedra, Saladino Cortizo en Vigo, Santa María en Lugo, Infanta Elena en Monforte   o centro de educación especial de Vilagarcía, ademais das asociacións Íntegro de  Cabana de Bergantiños e a asociación Amarai de Arzúa, onde se impartiu unha escola de familias.

Durante este ano realizáronse un total de 69 accións formativas tanto grupais como individuais nestes centros educativos das que se beneficiaron 275 persoas de maneira directa (das cales un 64,7% foron homes e un 35,3% mulleres) e 1.100 persoas dun xeito indirecto, de aí que DEDALEIRA considere como necesidade seguir traballando nesta liña.

Todas estas charlas e formacións impartidas están enfocadas á prevención de posibles experiencias de violencia sexual, xa que a probabilidade de que as nenas con discapacidade poidan vivir unha situación de violencia sexual é do 80% en comparación coas nenas sen discapacidade. O obxectivo final destes talleres é que as persoas que asisten a eles coñezan e manexen as ferramentas necesarias para previr este tipo de situacións.

Outras accións realizadas estiveron encamiñadas para detectar e identificar situacións contra a liberdade e indemnidade sexual, como son a agresión sexual, violación, abuso sexual, acoso sexual ou intimidación, e tamén o acompañamento das persoas que viviron ditas situacións dende a unidade QUERELAR, que forma parte do propio servizo. A través deste proxecto participaron na prevención, detección e intervención a través dun equipo interdisciplinar de profesionais con formación en sexualidade, educación sexual e xénero, así como prevención e intervención en relacións abusivas.

Dende que iniciou o programa DEDALEIRA en 2016, xa son máis de 1.200 persoas beneficiarias deste servizo que está enfocado tanto á atención de persoas con discapacidade como tamén das súas familias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo