ADEGA e Mariña Patrimonio denuncian o estado de abandono no que se atopa o xacemento arqueolóxico da Roda de Barreiros situado en Santiago de Reinante, no concello de Barreiros. Recentemente, membros de ambas asociacións observaron rodeiras de maquinaria pesada na zona arqueolóxica e na súa contorna de protección, “estes feitos evidencian o seu uso como plataforma de acopio de madeira. Esta intervención implicou a circulación intensiva de vehículos pesados, o que agravou o impacto sobre este espazo arqueolóxico”.
Escavado en 2006 durante a construción da Autovía do Cantábrico (A8), “este xacemento prehistórico do Bronce Medio leva case dúas décadas sen medidas adecuadas de protección nin mantemento”. “A retirada da capa do solo durante a escavación deixou expostos os estratos arqueolóxicos que, ao careceren de protección fronte aos axentes ambientais e ás intervencións humanas, aceleran a súa deterioración. A recente actividade con maquinaria pesada intensificou a afectación do xacemento, ao deixar pegadas a escasos metros das súas estruturas arqueolóxicas e compromer a súa integridade”.
ADEGA e Mariña Patrimonio levan anos denunciando o abandono deste xacemento ante as administracións competentes. En 2013 e 2022 presentaron denuncias perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, responsable do abandono e degradación do xacemento, tras as escavacións realizadas en 2006.
Os últimos feitos confirman que a protección deste patrimonio segue sen garantías. “A maquinaria pesada deixou marcas a menos de tres metros da entrada do recinto, a menos dun metro dunha das catas abertas no foxo e a escasos dous metros do muro do parapeto na zona sur da Roda. Ademais, a 25 metros da estrutura principal, a intervención con maquinaria provocou un importante movemento de terras e o arrincado de piñeiros de raíz, o que afectou o subsolo da zona protexida”.