" />

A Deputación aproba dedicar 15 millóns de euros á mellora de estradas nos 67 concellos

Xornada de pleno na Deputación de Lugo, e xornada de consenso entre os deputados provinciais que aprobaron por unanimidade boa parte das mocións presentadas. A máis importante das que presentaron os socialistas e que xa tiña a aprobacion do PP anunciada foi a de acudir a unha operación de crédito para poder investir na mellora de estradas de titularidade provincial máis de 15 millóns de euros. O Vicepresidente e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que estes fondos permitirán reforzar as melloras de vías que discorren polos 67 Concellos. Martínez avanzou que con estas novas actuacións, a Deputación poderá acadar os 2.200 quilómetros de aglomerado en quente. 

O Presidente, Darío Campos Conde, explicou, antes do inicio da sesión plenaria, que a boa situación económica da Deputación, pois conta con débeda cero, permite á institución acudir a unha operación de crédito. Por este motivo, no Pleno de xullo, o Grupo Provincial Socialista presentou unha enmenda de substitución á totalidade a unha moción presentada polo Partido Popular, que recollía a solicitude de 15 millóns de euros. Hoxe aprobouse acudir a esta operación de crédito.

A voceira dos populares, Elena Candia, congratulouse deste paso dado polo goberno provincial, non sen antes lembrar precisamente esta moción dos populares á que facía referencia o presidente do executivo provincial. Asemade, deixou claro de novo que, aínda que é un avance, “15 milóns non son suficientes”.

A pesar do seu voto a favor, o BNG, non quixo aproveitar o seu turno de palabra, nesta cuestión. Tampouco falaron os deputados nacionalistas noutro dos temas aprobados no Pleno, coa abstención do PP, como é a  designación dun responsable da comisión técnica de xestión e explotación do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro. O presidente, Darío Campos, anunciou antes do pleno que nos vindeiros días se firmará o contrato coa empresa que xestionará este centro.

Campos Conde informou sobre a desestimación do recurso presentado contra a concesión do servizo do centro de recría. Por este motivo, o Goberno Provincial presentou á sesión plenaria a comisión de técnica da Deputación que controlará o cumprimentos dos pregos que rexen esta concesión. Esta velará polo estrito cumprimento das condicións e cláusulas que interpuxo o Executivo Provincial á prestación deste servizo co obxectivo de garantir que este redunde no beneficio do sector gandeiro da provincia de Lugo. O Presidente avanzou que nos vindeiros días se asinará o contrato da concesión deste servizo nun acto público para que as cabezas de gando entren a principios do 2018.

O PP abstívose na votación desta moción, xa que, segundo explicou o Deputado popular José Ulla, o seu grupo ten dúbidas acerca do que sería o representante da Granxa. Con todo, o voto dos populares non foi negativo porque “queren facilitar que o Centro de Recría se poña en funcionamento”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo