A Deputación aproba un plan enerxético por 1,5 millóns de euros para 66 concellos

O Executivo da Deputación de Lugo aprobou este venres en Xunta de Goberno as actuacións do Plan de Aforro Enerxético do organismo provincial nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Trátanse de 61 melloras en alumeados públicos, 30 instalacións de caldeiras da biomasa e 9 illamentos térmicos en instalacións públicas municipais de 66 municipios, pois todos se sumaron a esta iniciativa, totalmente gratuíta para as entidades locais, ao estar financiada na súa totalidade pola Deputación, tal e como decidiu o Presidente, Darío Campos Conde, cun total de 1,5 millóns de euros.

Aprobadas hoxe os traballos que cada Concello decidiu levar a cabo en base as súas necesidades unha que que foron trasladados durante as últimas semanas á Deputación; os municipios recibirán agora un anticipo do 90% do orzamento que lles corresponde para contratar e executar as obras, tal e como acordou Campos Conde. Polo tanto, o organismo provincial ingresará coa máxima axilidade nas arcas municipais 1.350.000 euros. O 10% restante concederáselles tras xustificar ao organismo provincial o remate das actuacións.

O Goberno da Deputación decidiu distribuír os fondos totais de 1,5 millóns de euros deste plan entre os 66 Concellos en base a criterios totalmente obxectivos: superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal. Isto supón que cada municipio reciba entre 16.000 e 46.000 euros.

Con estes cartos, o Executivo Provincial ofreceu os Concellos financiar melloras na rede de alumeado para aforrar máis dun 20% na factura anual pola luz; instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor, que permitan reducir os custos térmicos ata nun 40% ao ano; ou illamentos térmicos, que facilitan o 10% de aforro na factura anual da calefacción.

O Plan Enerxético da Deputación nos Concello é unha aposta persoal do Presidente, pois como Alcalde que tamén é coñece o importante esforzo económico que supón para os Concellos asumir os necesarios custos enerxéticos. Hai que ter en conta que, por exemplo, nun Concello de menos de 5.000 habitantes a media do gasto tan só polos custos da luz municipal é de 200.000 euros ao ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com