" />

A Deputación é a máxima impulsora da “X Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, a Delegada da Xunta na provincia Raquel Arias, e o Presidente da Asociación de Ferreiros de Riotorto, José María Cabo Jardón, presentaron este venres a “X Feira de Artesanía do Ferro de Riotorto”, que se celebrará o 17 de abril. O acto tivo lugar na Forxa de Faustino e contou cunha demostración en vivo da elaboración dun fouciño artesán.

A Deputación de Lugo é a máxima patrocinadora deste cita, pois achega 20.000 euros dos 35.000 euros que en total custa a feira. Campos Conde remarcou que esta colaboración do organismo provincial se enmarca na “nosa aposta por impulsar as potencialidades e singularidades de cada Comarca luguesa, que fan que a nosa provincia sexa única, para xerar riqueza. O traballo dos ferreiros é, sen dúbida algunha, unha das maiores potencialidades e singularidades da Mariña Oriental, que temos que pór en valor para que máis xente nos descubra. E podémolo facer coa organización de actividades como a décima edición da feira que hoxe presentamos, unha cita xa consolidada grazas á imprescindible implicación dos propios ferreiros. Noraboa polo voso traballo”.

Xunto a dita axuda económica, a institución luguesa tamén colabora con esta cita a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), que levará a esta cita unha exposición sobre a historia dos ferreiros de Riotorto. Nas rúas desta localidade, situaranse ducias de paneis informativos. “Podemos presumir do que temos, deste privilexio de conservar un dos oficios artesanais máis tradicional, como é o dos  ferreiros, e que goza dunha alta reputación pola calidade das ferramentas de corte”, engadiu o Presidente.

O Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias agradeceu a todas as institucións o seu compromiso con esta Feira  dixo que “é un aposta fundamental para apoiar este sector e unha forma de dinamizar o rural”, remarcou.

A apertura da X edición da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto comezará o 17 de abril, ás 11:00 horas. Participarán 25 ferreiros dos municipios de Riotorto, Santiago de Compostela, O Corgo, Os Oscos e Navarra. O ferreiro de máis idade que asiste a esta Feira é Eduardo Villado, que conta con 85 anos, e o mais novo será o seu neto, Óscar Villado de 33 anos, que forma parte xa da terceira xeración de ferreiros.

Programación

Tras a apertura da Feira, a partir das 11:30 da mañá, haberá demostracións de oficios, como pirogravado, alfarería, tear e torneado de madeira. Ás 12:00 será a inauguración oficial da Feira coa lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do xornalista e produtor galego de Riotorto, José María Besteiro. Máis tarde, haberá novas demostracións en vivo da artesanía do ferro, con ferreiros de Riotorto, do Corgo, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl, Alberto Leis de Santiago de Compostela, e ferreiros do Centro de Interpretación de la Forja de Navarra. Ademais, Antonio de Montouto de Baleira realizará un obradoiro do carbón vexetal. A música correrá a cargo do cantante pontevedrés Roi Casal e a súa banda. Os gaiteiros de Riotorto tampouco faltarán a esta cita, amenizando as rúas da vila. Esta edición tamén contará con obradoiros de ferro infantís, animación itinerante e maxia co Mago Deimi.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo