Deputación e USC convenian para potenciar o Campus de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou esta mañá no Pazo de San Marcos co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 370.500 euros á USC para seguir apoiando e potenciando o Campus de Lugo.

A Universidade achegará pola súa banda 50.000 € para acadar en total os 420.500€ que suma o convenio, que servirá para desenvolver proxectos de mellora da calidade docente, de innovación e de desenvolvemento do rural, e para a mellora das infraestruturas universitarias.

O Presidente destacou a importancia do convenio asinado hoxe coa USC, tanto pola cantidade económica que achega a institución provincial -370.500€-, como “polo que representa en canto a apoio decidido e continuado da Deputación á actividade do Campus de Lugo e, polo tanto, de apoio á educación pública de calidade”.

José Tomé subliñou que “ningunha outra Deputación de Galicia, nin probablemente de España, fai un esforzo económico tan grande como o desta institución provincial en favor dunha Universidade”.

A través do convenio, a Deputación aporta “unha contía económica que dá soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo, para que sexa a propia universidade a que decida cómo utilizar eses fondos e para qué”, explicou o Presidente, quen lembrou que este acordo “súmase a outras moitas colaboracións desta institución coa Universidade de Santiago con iniciativas e proxectos, como por exemplo, o da Granxa Experimental de Leite, que puxemos en marcha a finais do ano pasado na finca provincial Gayoso Castro con moi bos resultados”.

En canto á aposta firme e decidida da Deputación de Lugo “por manter a colaboración, xa histórica, coa Universidade de Santiago, o mandatario provincial incidiu en que a institución foi fundamental para a creación do Campus de Lugo, e dende entón fomos fortalecendo os lazos que nos unen cun apoio continuo no tempo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com