Deputación entrega aos partidos o certificado oficial que acredita a débeda cero do organismo

A Deputación de Lugo entregou este xoves aos voceiros dos tres grupos políticos con representación provincial –PP, PSdeG e BNG- un certificado oficial e individualizado para cada un dos 25 deputados da Corporación que acredita a débeda cero do organismo a día 11 de maio deste ano. A entrega do documento, tivo lugar na última Xunta de Voceiros prevista neste mandato, celebrada hoxe, tal e como informaron o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez.

Á entrada do actual goberno, no 2007, había recoñecida unha débeda financeira de 122 millóns de euros e hoxe está a cero, “sen renunciar a ningún tipo de investimento”, dixo o Presidente. “Co certificado entregado hoxe queda tamén acreditado documentalmente que a próxima Corporación Provincial non terá ningún tipo de atadura. A débeda cero permite dedicar todo o orzamento ao funcionamento da Deputación, á prestación de servizos e á execución de obras”, explicou Besteiro.

As consecuencias obxectivas desta decisión son as seguintes: déixanse de pagar intereses e non se destinan recursos a amortizar débeda, co que quedan liberados uns 10 millóns de euros ao ano para investimentos.

Débeda do SERGAS

Pola súa banda, a Vicepresidenta informou doutros asuntos que, ao igual que a débeda cero, inflúen sobre a situación económica da Deputación, entre eles, “a débeda de máis de 800.000 euros que a Xunta ten pendente con este organismo, con todos os lucenses, pola transferencia dos hospitais de San José e San Rafael”. Méndez avanzou que, “despois de varios intentos infrutuosos, cerramos para o 20 de maio, dentro dunha semana, unha reunión en Santiago”. A mesma realizarase entre técnicos da Deputación e do SERGAS co fin de que ingresen canto antes os cartos ao ente provincial”.

O pago destes máis de 800.000 euros é o que se tratará de desbloquear na reunión do día 20. A maiores, queda unha última anualidade, que o SERGAS deberá ingresar no primeiro trimestre de 2016 e que ascende a 3,7 millóns de euros. Deste xeito, quedaría liquidada totalmente a débeda que contraeu a Xunta coa Deputación pola xestión dos hospitais de San José e San Rafael.

Obradoiros de emprego

Outra das cuestións ás que aludiu Lara Méndez e que inflúe sobre a situación económica da Deputación é que, “ata onde sabemos, a día de hoxe, a Xunta non concedeu nin un só dos obradoiros de emprego que solicitamos. A realidade é que fixo pública unha lista cos proxectos aprobados, e a Deputación non figura nesa lista”. Polo tanto, entres outras cousas, subliñou, “non poderemos facer un obradoiro destinado a converter o Miradoiro de Mondoñedo nun albergue de peregrinos, que, ademais de poñer en valor este edificio, xeraría riqueza no concello, que conta hoxe cun albergue obsoleto que se queda pequeno”.

Saída de XESTUR

Unha terceira cuestión económica pendente coa Xunta é a saída da Deputación de XESTUR, “que levamos meses negociando”. “Defenderemos que o valor patrimonial das accións que a institución provincial ten nesta empresa pública dependente da Xunta se nos compense con parcelas por valor de 1,1 millóns de euros; sen rebaixas”, asegurou a Vicepresidenta. Por parte da Deputación, o compromiso é non destinar ese solo industrial a fins diferentes dos estipulados por XESTUR, nin competir con esta entidade en prezos.

Solidariedade con Nepal

O Presidente tamén informou de que a Xunta de Voceiros aprobou por unanimidade que a Deputación transfira 6.000 euros aos damnificados polos terremotos de Nepal, “tal e como fixemos noutras ocasións ante catástrofes que provocan verdadeiros desastres humanitarios”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com