Reixtro Civil

A xuíza decreta o arquivo da investigación do atraco á administración de loterías da rúa Lamas de Prado

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relativas ao atraco sucedido o 4 de xaneiro de 2024 nunha administración de loterías da cidade na rúa Lamas de Prado, na que dous asaltantes levaron ao redor de 400.000 euros en metálico, segundo a denuncia do propietario do negocio. A xuíza entende que non existen “motivos suficientes para imputar a determinada ou determinadas persoas como autoras, cómplices ou encubridoras”, polo que rexeita autorizar as medidas solicitadas pola Policía Xudicial relativas a demandar a compañías telefónicas xeolocalizacións de teléfonos móbiles, entre outros datos, ou a entidades bancarias información sobre determinadas contas.

No auto, explica que a hipótese investigativa policial, pola cal se conclúe que o denunciante estaría implicado nos feitos e a presunta participación nos mesmos dos ocupantes dun determinado vehículo, como presuntos atracadores, e da filla da arrendataria doutro coche, se fundamenta en sospeitas.  “Dificilmente pode cohonestarse que o presunto implicado nos feitos reciba ameazas e que se concertase con quen presuntamente lle ameaza para finxir o atraco da administración de loterías”, destaca a xuíza.

Desta xeito, a instrutora conclúe no auto que non concorre fronte ao loteiro “absolutamente ningún indicio racional de criminalidade”. Na resolución, indica que se atopaba investigado en autos por imperativo do artigo 118 da Lei de Axuizamento Criminal, “ao orientarse diversas medidas autorizadas polo Xulgado de Instrución número 3 de Lugo a investigar a súa presunta participación nos feitos por el denunciados”. Na resolución advirte dunha “posible vulneración do dereito de defensa” do loteiro en dependencias policiais, previamente á xudicialización da causa, pois se lle recibiu declaración en sucesivas ocasións como denunciante, mesmo cando xa existían sospeitas policiais fronte ao mesmo, con obriga de dicir verdade”. Por iso, sinala que podería producirse unha “eventual violación do dereito de defensa”. Ademais, afirma que se lle recibiu declaración á súa esposa como testemuña “cando xa había sospeitas policiais fronte ao denunciante, sen advertirlle da súa dispensa legal a declarar”.

En canto ás contradicións que a forza policial imputa ao denunciante nas declaracións que prestou en dependencias policiais como denunciante, a maxistrada asegura que hai que ter en conta “o impacto de vivir un atraco con arma de fogo en calquera persoa, sendo habitual as contradicións de vítimas de feitos traumáticos en calquera procedemento penal, en particular sobre se ambos os atracadores ían encapuchados ou só un deles ou se levaban os chalecos amarelos”, á vez que recalca que “o que se afirma que son contradicións en ningún caso teñen a relevancia que se pretende”.

Sobre o feito de que as cámaras da administración de loterías non funcionasen o día do atraco, a xuíza afirma que a testifical practicada en sede xudicial “exclúe o coñecemento de tal extremo por parte do denunciante nin a súa intervención”, pois a empresa de seguridade informouno despois do atraco de que non funcionaban correctamente, “extremo do que non tiñan coñecemento na administración de loterías, tal e como resulta das actuacións, polo que as sospeitas policiais en tal punto resultan desvirtuadas polas dilixencias de instrución practicadas”.

“Toda a construción da hipótese investigativa policial na que se funda a batería de medidas que se solicitan fúndase en sospeitas -en ningún caso indicios-, as cales non poden asumirse”, manifesta a maxistrada no auto, no que sinala que as medidas solicitadas pola Policía Xudicial non son “idóneas, nin necesarias nin pertinentes, ao non permitir fundar un eventual xuízo indiciario que permita a prosecución do presente procedemento fronte a persoa/s determinada/s”.

A xuíza afirma que “dificilmente pode” concluírse a implicación dun determinado vehículo no atraco, a cal motiva a formación da presente causa, do feito de que ese coche estivese posteriormente en Lugo o 29 de xaneiro. “Non permite establecer ningún nexo minimamente fundado co atraco investigado”, destaca no auto, contra o que cabe presentar recurso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com