A Deputación ofrece aos Concellos outros 160.000 euros para actividades deportivas e culturais

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, presentou este xoves unha nova programación da Deputación de cooperación cos Concellos mediante a cal o Goberno Provincial pon a disposición dos 66 municipios lugueses de menos de 20.000 habitantes axudas por un total de 160.000 euros para financiar gastos correntes pola organización e celebración de actividades culturais e deportivas durante o 2016.

Santos Ramos explicou que destes 160.000 euros, 80.000 euros son para financiar actividades culturais e outros 80.000 euros para deportivas. Con respecto ao ano pasado, o Executivo acordou incrementar estes fondos con 40.000 euros máis. Ademais, tamén decidiu distribuír este orzamento en base a criterios totalmente obxectivos.

Estes son a superficie do Concello, a poboación, o número de entidades poboacionais, o esforzo fiscal, os equipamentos culturais dispoñibles, as instalacións deportivas coas que conten e número de clubs deportivos existentes.

O Vicepresidente apuntou que en base a estes criterios, os municipios poderán recibir un mínimo de 2.000 euros (1.000 para actividades culturais e 1.000 para as deportivas), e un máximo de case 3.400 euros (1.700 para actividades culturais e 1.700 para as deportivas).

Algúns exemplos dos gastos correntes que a Deputación pode financiar aos Concellos con esta programación son: o funcionamento das escolas deportivas, a organización de campionatos ou competicións deportivas, programacións de teatro ou cine, xornadas divulgativas nas Casas da Cultura ou Museos. “Como cada Concello ten necesidades diferentes, decidimos asinar con cada Concello o seu respectivo convenio e, deste xeito, financiar os gastos correntes que cómpren”, adiantou Santos Ramos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com