" />

A Deputación organiza unha xornada sobre xestión forestal dirixida a 29 concellos

O Goberno da Deputación organiza o martes 14 de febreiro, no salón de actos de San Marcos, unha xornada informativa sobre ordenación forestal, dirixida aos alcaldes da provincia, con motivo da próxima entrada en vigor do decreto da Xunta que regula as repoboación de eucaliptos e da modificación da Lei de Montes que afecta ás condicións que deben cumprir as repoboacións forestais. 

Trátase dun encontro impulsado por Campos Conde para dar resposta ás inquedanzas e preocupacións dos 29 Concellos lucenses afectados polas novidades lexislativas, xa que o proxecto de lei traza unha liña diagonal que divide o territorio galego en dúas zonas, de xeito que permite as plantacións de eucalipto en todo o arco Atlántico e na costa levanta unha prohibición en 29 Concellos da provincia de Lugo e practicamente a totalidade da provincia de Ourense.

A xornada incluirá unha exposición da situación actual do sector forestal a cargo do enxeñeiro de Montes Manuel Francisco Marey, profesor da Escola Politécnica Superior do Campus Lucense da USC, e contará cunha quenda de intervencións para que os Alcaldes poidan expoñer as súas dúbidas e preocupacións. Confirmaron a súa asistencia 27 dos 29 Concellos afectados: A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Baleira, Castroverde, Navia de Suarna, Baralla, Becerreá, Cervantes, Láncara, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, O Páramo, Sarria, Samos, Folgoso do Courel, O Incio, Paradela, Taboada, O Saviñao, Bóveda, Pobra do Brollón, Quiroga, Chantada, Carballedo, Pantón, Monforte de Lemos e Ribas de Sil.

O sector forestal ten unha importancia estratéxica para a provincia. Lugo xera máis do 30% da madeira producida en Galicia, que á súa vez, lidera a nivel estatal a produción en toneladas de madeira. Ademais, o sector xera a metade do seu emprego nas zonas rurais, polo que constitúe un dinamizador dos núcleos de poboación do interior. Dende os Concellos reclámase unha ordenación dos recursos forestais que teña en conta as particularidades de cada distrito forestal, atendendo ao clima, ao solo e ás circunstancias dos municipios rurais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo