" />

Descuberto un valioso bronce votivo do século III a.C. nas escavacións de Viladonga

O Castro de Viladonga segue a dar sorpresas practicamente 50 anos despois do comezo das primeiras escavacións. Neste caso, veñen de concluírse as investigacións que confirman o achado dunha pequena machada votiva de bronce asociada a rituais de sacrificio. A devandita peza, de apenas 13 cm. e 22 gramos de peso, foi atopada nas escavacións arqueolóxicas impulsadas pola Xunta de Galicia e correspondentes á campaña 2019-2020, durante os traballos no alxibe monumental.

En concreto, no fondo, sobre as escaleiras de acceso ao depósito aparecía unha peza de bronce asociada a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón. As análises do material orgánico recollido na campaña anterior confirmaron que se trataba dunha construción castrexa prerromana do século III a.C., anterior polo tanto á construción da muralla do poboado. A peza poderá ser contemplada en breve neste museo xestionado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta.

Singular bronce sacrificial

Ao respecto do bronce, cómpre dicir que se trata dunha gran descuberta pola escaseza destas pezas e a súa profusa e complexa decoración. Non é a primeira vez que se encontran machadas sacrificais en Galicia, de feito temos achados análogos en Cariño, Lalín, Mondoñedo ou Cervo; pero, a dicir dos expertos, esta é probablemente a machada votiva cunha decoración máis rica. Así, no colgante desenvólvense moitos dos elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o torques, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un prótomo de carneiro na zona distal.

O colgante está relacionado con ritos de sacrificio desenvoltos na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de Viladonga. Tanto a machada como o alxibe recentemente descuberto son novas atraccións para o visitante nun xacemento cada vez más rico e espectacular que, campaña tras campaña, ofrece novos achados.

O Museo asociado  ao castro abriuse ao publico en novembro de 1986. Dedícase á interpretación e explicación do xacemento e á custodia e a exposición dos materiais procedentes das sucesivas escavacións. Está situado entre as dúas últimas murallas do lado sueste do Castro, moi preto da súa croa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo