Desempregados de longa duración con cargas familiares serán os destinatarios de 18 accións formativas que se impartirán na provincia

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, anunciou hoxe que os desempregados de longa duración con cargas familiares serán os destinatarios prioritarios de 18 accións formativas que se impartirán proximamente na provincia de Lugo.

“Estes cursos”, segundo explicou Raquel Arias en rolda de prensa, “enmárcanse dentro dunha nova orde que pon en marcha este ano a Consellería de Traballo e Benestar e que quere facer fincapé naquelas persoas nas que conflúe o feito de levar moito tempo sen atopar un emprego e teñen fillos ou outros familiares ao seu cargo”.

Ao abeiro desta orde, que acaba de resolverse a pasada semana, tamén se establece, como no resto dos cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) tres liñas distintas segundo os promotores foran concellos, entidades sen ánimo de lucro ou empresas. Estes 18 cursos están deseñados para que as persoas que teñan certa cualificación consigan unha formación máis axeitada ás necesidades do mercado e para que as persoas sen cualificación adquiran as competencias mínimas para mellorar a súa empregabilidade.

Segundo explicou a delegada territorial, para poder acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, os alumnos teñen que reunir uns requisitos formativos pero algúns non os cumpren, “o que lles impide beneficiarse precisamente daqueles cursos que lles permitirían obter os certificados de profesionalidade”.

Así, na programación aprobada ao abeiro desta orde inclúense, entre outros, cursos específicos de competencias clave, que básicamente se centran en comunicación de lingua castelá e galega e matemáticas, o que lles abrirá a porta aos certificados de profesionalidade. Nestes intres estanse a impartir xa 105 cursos, programados ao abeiro da orde ordinaria de Accións Formativas para Desempregados da Consellería de Traballo e Benestar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com