Detida unha moza de 30 anos acusada de 24 roubos na Mariña

A Garda Civil detivo a unha muller de 30 anos como suposta autora de ata 24 delitos de roubos con forza nas cousas cometidos na zona da Mariña, e ten pendente de deter a un segundo autor, de 29 anos. O valor dos efectos roubados ascende a máis de 66.000 euros e os danos causados a máis de 11.000.

O caso comeza cando os axentes teñen coñecemento de que no anexo dunha vivenda en Cangas (Foz) existen almacenadas varias caixas que poderían conter electrodomésticos, sospeitando que poderían ter sido roubados. Desta maneira, os axentes rexistran a vivenda e interveñen varios electrodomésticos, a maioría aínda embalados, valorados nuns 4.000 euros e que se conseguen identificar cos roubados o mes pasado nunha localidade próxima.

A raíz destes feitos, a Garda Civil detén á inquilina e fai un rexistro da vivenda, atopando xoias agochadas na cisterna do WC, unha figura metálica dun buda, un televisor e uns altofalantes, obxectos que son intervidos de forma cautelar á espera de coñecer a súa procedencia.

Así, a Garda Civil comeza a investigar os roubos ocorridos na zona nos últimos anos, podendo identificar varios perfumes atopados no domicilio rexistrado como os sustraídos nunha vivenda do Valadouro na que os ladróns tamén levaran outros obxectos valorados en máis de 10.000 euros a finais do ano pasado. O mesmo ocorreu con outros obxectos, descubrindo que moitos dos fogares onde se producían os roubos foran asaltados en diversas ocasións.

Modus operandi

Os supostos autores elixían segundas vivendas ou ben aproveitaban a ausencia dos seus moradores e accedían ao interior rompendo portas e ventás e roubando sobre todo xoias, cartos, electrodomésticos, mobles e televisores, que serían trasladados de forma rápida para a súa venda.

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com