Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta

Sesenta e un anos despois de que se instaurara o Día das Letras Galegas a celebración segue, é a cada paso con máis forza, pero o que se albisca no horizonte fainos pensar que será necesario redobrar os esforzos para que o galego sexa un idioma vivo, un idioma que use a xente na súa vida cotiá e non un idioma litúrxico. para elo será necesario o compromiso de todos e todas para seguir acadando espazos para a nosa lingua.

A data de hoxe é o comezo dunha longa  xeira, na que se irá espallando ao longo do país a obra de Luísa Villalta, dende colexios a tendas ou asociacións culturais e mesmo internet e novas tecnoloxías, de seguro que nestes eidos é onde se vai xogar o futuro do nos idioma, tal e como se desprende do discurso que o presidente da Real Academia Galega, Victor Fernández Freixanes  ofreceu hoxe no acto central do “Día da Nosas Letras”. Estas foron as súas palabras:

“O Día das Letras Galegas, tal como o concibiu a Academia en 1963 por iniciativa dos académicos Ferro Couselo, Gómez Román e Fernández del Riego, é unha xornada de festa (unha xornada de celebración) e, ao mesmo tempo, unha xornada reivindicativa. Celebramos a nosa lingua, o patrimonio colectivo de noso idioma, a gran catedral dos galegos e galegas, tal como no seu día o definiu Castelao, e reivindicamos o seu uso, a súa práctica social, subliñando aqueles factores ou cuestións que nos preocupan na súa garantía de futuro. É unha honra grande que nos acompañe nesta xornada o presidente da Xunta de Galicia e representantes das forzas políticas parlamentarias, ademais de institucións e axentes sociais. Festa da lingua e reivindicación da lingua. Son miles de institucións e particulares os que de diferentes maneiras celebran hoxe esta xornada, dentro e fóra de Galicia, convertendo o 17 de maio na Festa Nacional da lingua, referencia obrigada da nosa identidade xunto co Día da Patria o 25 de xullo.

Entre outras cousas que aquí se comentaron arredor da figura de Luísa Villalta, a quen hoxe homenaxeamos, eu quixera subliñar o compromiso social da nosa autora, o seu compromiso con Galicia, a súa militancia inequívoca a prol das causas xustas, o seu compromiso coas novas xeracións, ás que dedicou unha parte moi importante da súa actividade social e profesional, o seu compromiso coa lingua nosa, que Ramón Cabanillas definía coma un escudo e Rosalía de Castro como unha bandeira (bandeira de dignidade colectiva). E certamente demos pasos xigantescos a prol desa dignidade e uso. Os que xa imos tendo unha idade podemos comparar a situación do idioma galego cando eramos rapaces, sobre todo nas cidades, que é onde se constrúen os valores sociais dominantes, coa situación actual. Demos pasos xigantescos como resultado dunha realidade social aberta e democrática, sen dúbida máis xusta.

No ano 1983, hai 41 anos, as forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia aprobaron por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística; no ano 2004 aprobouse tamén por unanimidade un Plan de Normalización que pretendía avanzar no uso e na dignificación do idioma nas grandes institucións que configuran o corpo social: a familia, as administracións, o sistema educativo, a comunicación e a cultura. E déronse pasos importantes. Mais 41 anos despois da primeira e 20 despois do segundo podemos (e debemos) facer balance. Moitas cousas se lograron, repito, mais a situación preocupa, entre outras cousas porque os tempos mudaron, e sería un erro grave (suicida) mirar para outro lado.

O mundo vive unha revolución tecnolóxica obxectiva (a globalización) que afecta moi especialmente á comunicación e a todos os procesos de socialización. Falamos dunha revolución total que esixe novas olladas sobre a realidade e novas políticas. A lingua non fica á marxe. A transformación do rural, a mobilidade social, os cambios xeracionais, novos hábitos de consumo…

Preocúpannos sobre todo as xeracións máis novas, que en moitos casos son as máis vulnerables. Temos problemas na transmisión familiar, problemas de socialización, non de prestixio, pero si de uso, e sería moi triste que nos deixásemos levar cara a unha situación litúrxica onde o galego se usa e recoñece nas grandes cerimonias mentres que na práctica fica expulsado da prosa de cada día. Non é este o lugar para repetir un discurso que a Academia vén formulando dende hai tempo a través de estudos que comparten departamentos universitarios e institucións irmás como o Consello da Cultura Galega.

Perdemos falantes, e non acabamos de construír un proxecto para as novas xeracións, malia o prestixio acadado e a enorme creatividade da nosa xente moza, que anda a percorrer o mundo recibindo premios e recoñecementos na música, na literatura, no cinema, nas artes escénicas, nas redes sociais e mesmo na investigación e na ciencia. Estes días volvemos falar dun gran pacto a prol da lingua galega. Corenta e un anos despois da Lei de Normalización Lingüística e vinte anos despois do Plan de Normalización, que só parcialmente chegou a executarse, debemos afrontar criticamente (tamén dende a autocrítica de todos os axentes sociais, non só políticos), a realidade do idioma pensando no seu futuro, na súa proxección mesmo alén das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro.

A Academia non deseña a política lingüística. Non ten esas encomendas. Pero é unha institución crítica que dende o estudo, con datos contrastados enriba da mesa, asume as súas responsabilidades históricas, que veñen da tradición dos nosos fundadores, dende o ano 1906. Ou avanzamos ou retrocedemos. Non hai posicións intermedias. E para avanzar, con toda a sociedade detrás (toda), necesitamos sentarnos a falar e a deseñar un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas, onde se cadra todos teñamos que ceder algo para avanzar moito, sen medos, sen vendas nos ollos. Coas nosas forzas, coa nosa vontade, ofrecémonos dende a Academia para traballar nesa dirección, nun proceso que (repito) non atinxe exclusivamente ás forzas políticas, por máis que a elas corresponde a iniciativa, senón ao conxunto de todos os axentes sociais: empresariais, sindicais, culturais, económicos, deportivos, relixiosos, de lecer e de entretemento, medios de comunicación, axentes da cultura… Tal era o compromiso de Luísa Villalta, a quen hoxe celebramos, exemplo dunha xeración de a cabalo de dous séculos que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba ao futuro. Tal era o seu exemplo”.

Deseño e montaxe:Lois Toirán

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com