Dous manuais técnicos avalían a prevención de riscos laborais derivados do uso dos drons no traballo

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na clausura da webinar Uso de novas tecnoloxías en prevención de riscos laborais: drons, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), na que presentou dous manuais técnicos elaborados pola Xunta nos que se avalían a prevención de riscos laborais derivados do uso dos drons no traballo.

Dun lado, a guía de boas prácticas Prevención de riscos laborais no uso de drons analiza as medidas preventivas que se deben adoptar antes e durante o uso dos vehículos aéreos non tripulados; doutra parte, o documento Innovación en prevención de riscos laborais: emprego de drons en actividades profesionais aborda as diferentes actividades que se poden realizar cos vehículos aéreos non tripulados para ser máis eficientes e que minimizan os riscos en comparación coas formas tradicionais de desempeñar ditas labores profesionais.

Lorenzana sinalou que as dúas publicacións coinciden en sinalar que nos vindeiros anos esta ferramenta de traballo terá o potencial de aportar grandes beneficios en sectores como o agroforestal, o marítimo, o industrial ou da construción, ao tempo que sinalou que os drons poderán ter unha gran aplicabilidade como apoio nos procesos de avaliación de seguridade e saúde no traballo nos distintos centros empresariais ou públicos de Galicia.

Asi, os vehículos aéreos non tripulados, en palabras da conselleira, poderá ter “unha gran cabida” na prevención de riscos laborais en eidos como a inspección de lugares e equipos de traballo, seguridade viaria e toma de mostras en ambientes de alta toxicidade química ou radiolóxica.

A webinar, que forma parte das iniciativas da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo da Xunta e do Plan de actividades do Issga, contou cun dobre obxectivo: considerar o dron como un equipo e, polo tanto, levar asociada a prevención de riscos laborais no seu manexo e, en segundo lugar, divulgar as posibilidades da utilización de drons en diferentes utilidades con fins preventivos. Na iniciativa participaron máis de 340 persoas das que 168 alumnos e 12 profesores procederon de cinco centros educativos que se conectaron desde 11 aulas diferentes. Os centros educativos que participaron foron, en concreto: o CIFP As Mercedes de Lugo; o IES antón Alonso Rios de Tomiño (Pontevedra); o CEP Altamira de Salceda de Caselas (Pontevedra); o CFEA Lourizán de Pontevedra; e o IES San Rosendo de Mondoñedo (Lugo).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com