Unha persoa resultou ferida de gravidade este luns nun accidente de tráfico rexistrado no municipio lucense de Xermade, tras unha colisión entre dous vehículos na estrada LU-540, ao seu paso pola parroquia de Roupar.
O sinistro produciuse arredor do mediodía e mobilizou un importante dispositivo de emerxencias. Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron un helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender ás persoas implicadas.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, dúas persoas precisaron asistencia sanitaria. Unha delas sufría politraumatismos de carácter grave, polo que foi evacuada en helicóptero a un centro hospitalario.
Tamén interviñeron os Bombeiros de Vilalba, xa que nos primeiros avisos existía a sospeita de que os ocupantes puidesen quedar atrapados no interior dos vehículos. Con todo, unha vez no lugar comprobouse que non foi necesario realizar labores de excarceración.
O operativo completouse coa presenza de axentes da Garda Civil de Tráfico, que se encargaron de regular a circulación e de instruír as dilixencias para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o accidente.






