Dúas persoas perderon a vida este mércores pola tarde nun accidente de tráfico rexistrado na autovía A-6, á altura da parroquia de Bóveda, no termo municipal de Lugo.
O sinistro produciuse poucos minutos despois das 16.30 horas, no quilómetro 493 da autovía, en sentido A Coruña. Segundo informou o 112 Galicia, o turismo no que viaxaban as vítimas colidiu contra unha furgoneta de mantemento da estrada que estaba a realizar traballos nese punto.
Foron varios particulares os que alertaron ao servizo de emerxencias, indicando que o vehículo acababa de incendiarse e advertindo da posible presenza de persoas atrapadas no seu interior.
Tras recibir o aviso, o 112 mobilizou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Lugo e os operarios de mantemento da vía. Tamén se informou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención.
Á chegada ao lugar, os bombeiros lograron extinguir o incendio do turismo, aínda que os servizos de emerxencias só puideron confirmar o falecemento dos dous ocupantes do vehículo.
As circunstancias nas que se produciu a colisión están a ser investigadas. Mentres continúan os traballos no lugar do accidente, a circulación na A-6 permanece cortada en sentido A Coruña.






