" />

Ducias de persoas acoden á inauguración da carnicería O Sabor dos Ancares na praza de Abastos

A carnicería O Sabor dos Ancares, da cooperativa A Carqueixa, inaugurouse na tarde de onte na praza de Abastos de Lugo cun concorrido acto que xuntou arredor de 100 persoas no amplo espazo do soto do mercado. Esta tenda física da Carqueixa, rexentada por Luis Estrada, opera dende este mes de outubro no posto número 25 do mercado, con grande éxito entre a veciñanza.

O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Cooperativa A Carqueixa, José Antonio Díaz, e o xerente da mesma, Román Sánchez. Non faltou á cita o cineasta Oliver Laxe, que a través do seu proxecto ‘Gandería Heroica’ ten difundido os manexos e xeito de vivir das persoas que integran a cooperativa a través de vídeos curtos onde se dá voz ás e aos cooperativistas.

Tamén acudiron á presentación o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez; o presidente do CDR dos Ancares, Ramiro Martínez; o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; a concelleira de Participación, Cristina López; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro; e a deputada de Medio Rural, Mónica Freire.

Unha tenda na cidade que fixa poboación no rural
Durante o acto de presentación, que arrincou ás 20h, o presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, agradeceu a presenza e o apoio das persoas congregadas. Tanto Oliver Laxe como Ramiro Martínez puxeron en valor a contribución da Carqueixa e os seus cooperativistas ao desenvolvemento e o futuro da área dos Ancares. Pola súa banda, Cristina López agradeceu que a cooperativa escollese Lugo para a súa tenda física e parabenizounos pola súa capacidade de fixar poboación no rural.

Posteriormente, proxectouse un breve resumo do proxecto ‘Gandería Heroica’ unha fiestra aberta ao modo de vida nos Ancares e un altifalante para que os seus moradores se expresen con voz propia a través das redes sociais da Carqueixa. O acto rematou cunha degustación de produto, que foi moi ben recibida entre o público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo