E Lugo parou

Se as mulleres paramos, párase o mundo. Ese é o lema que encabeza a primeira folga feminista internacional polo Día da Muller. A primeira folga só de, para e por mulleres. De mulleres porque, na teoría -aínda que non fose así na práctica-, era un paro ao que estaban convocadas soamente as mulleres. Para elas, porque se fai con elas como organizadoras: produtoras, directoras e actrices protagonistas. E polas mulleres porque son -somos- o motor do mundo, porque certo é que se mañá non houbera unha soa muller, chegaría o caos.

Esta mañá cando Lugo espertou, cando puxo as súas rúas, algo houbo que non era o de sempre. Esta mañá, cando Lugo espertou, a cidade parou. Seguía a haber negocios abertos, rexentados e/ou traballados por mulleres; pero as que puideron acudirou ás actividades que estaban programadas, mobilizáronse e aplaudiron os manifestos.

Centos de persoas apoiaron o paro, persoas que secundaron a folga e escoitaron os manifestos feministas que pedían igualdade, equiparación salarial, romper o teito de cristal “que non é tanto de cristal”, equiparación das pensións. Manifestos que berraron “basta xa” ante os milleiros de situacións das millóns de mulleres que cada día se levantan para sufrir e aguantar políticas irreais que levan á utilización das mulleres como “botín de guerra, como mercadoría da explotación sexual, da trata de persoas”.  Fátima Pérez foi a encargada de ler o primeiro manifesto do día de hoxe fronte  ao Concello e tamén dixo non, “non ás violencias cotiás, ao machismo e a invisibilización da muller”.

É difícil ser xornalista de vocación e parar un día como hoxe; non dar voz a todas esas persoas que non poden berrar contra as políticas irreais, ou non dar visibilidade a todas esas mulleres que hoxe asaltaron e volverán a asaltar ás 20.00 horas as rúas de Lugo para que o mundo vexa o que se ralentiza o seu movemento se as mulleres nos xuntamos para detelo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, proclamou o seu apoio á folga e, pese a acodir a todos os actos institucionais, asegurou que non cobraría o día de hoxe, ao igual que o resto de membros do seu equipo de goberno. Do mesmo xeito, o goberno socialista provincial deixou a elección sobre o apoio á folga en mans das mulleres do partido: “elas decidiron o que había que facer e nós respectámolas”, asegurou o presidente da Deputación, Darío Campos.

Foron moitos os políticos que se achegaron esta mañá ás diferentes concentracións, os sindicatos que apoiaron estes paros e os homes que secundaron a folga. Hoxe Lugo parou, posiblemente non en xornada completa, pero por algo se empeza.

Hoxe, Lugo coñeceu un pouco máis de cerca o que pasa cando todos loitamos por un fin común. E máis se ese fin é acadar que as que hoxe son nenas, mañá non teñan que vivir esta folga, non teñan que levantarse e berrar NON á discriminación por xénero, á violencia física e mental. Para que as nenas que hoxe non tiñan á profesora na clase, mañá levanten a cabeza orgullosas rexentando multinacionais, cobrando o mesmo que os seus compañeiros de traballo ou, sen máis, paseando pola rúa sen medo.

E que esas nenas lembren que houbo un día histórico; un día no que Lugo parou para que as mulleres de mañá teñan os dereitos e as liberdades polos que hoxe nos levantamos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com