Ecoloxistas en Acción amosan o seu apoio aos axentes forestais tralos ataques recibidos

O colectivo, Ecoloxistas en Acción Sarria-Monforte, vén de amosar, nun comunicado aos medios, o seu apoio aos axentes forestais e un comunicado de denuncia ante os ataques recibidos por un axente en Oza-Cesuras.

Os feitos remóntanse á pasada semana cando un axente forestal foi agredido cunha forcada na cara por un individuo identificado como o causante de provocar un incendio en Oza-Cesuras (A Coruña). Por tal motivo, centos de axentes forestais e ambientais de Galicia concentráronse o pasado mércores nos distintos distritos para mostrar a súa repulsa pola agresión sufrida a un dos seus compañeiros e pediron que se poña fin a unha situación “que se repite con frecuencia”.

“Moi poucas veces fálase do traballo dos axentes forestais e dos riscos que este conleva”, denuncia Ecoloxistas en Acción. Precisamente o mesmo día que se producía a agresión en Oza-Cesuras, outro axente acudía ao xulgado de Verín a declarar contra un veciño que tiña unha plantación ilegal de eucaliptos e que lle ameazaba de morte.

“Parece ser que cando un axente forestal realiza a tarefa que lle é propia: vixiar e protexer o medio natural e velar polo cumprimento da lei, a súa propia integridade física pode chegar a poñerse en perigo”, critican.

Ecoloxistas en Acción Sarria Monforte manifestou, asemade, o seu agradecemento a quen realiza este labor cunha implicación que transcende o meramente profesional. Así mesmo, solicita un apoio claro e contundente por parte da Xunta para estes axentes, xa que se puxo de manifesto que desgraciadamente, necesitan protección cando realizan o seu traballo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com