" />

Educación destina preto de 175.000 euros a mellorar equipamentos culturais en 19 concellos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina preto de 175.000 euros a equipamentos e melloras das instalacións dos locais culturais propiedade de 19 concellos da provincia de Lugo que o solicitaron ao abeiro do programa de axudas autonómico.

Entre as actuacións apoiadas polas subvencións da Xunta figuran desde iniciativas de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas a, no ámbito dos equipamentos, o financiamento de equipos de iluminación e son, escénicos, introdución de tecnoloxías audiovisuais e equipos informáticos. As achegas tamén permiten mellorar as bibliotecas municipais, como é o caso dos concellos de Xove, O Saviñao e Pobra do Brollón.

Pola súa banda, no que respecta á mellora da accesibilidade, os concellos que optaron por estas actuacións son os de Portomarín, que impulsará reformas no edificio cultural Xeneral Paredes; o concello de Riotorto, que actuará no centro sociocultural de Galegos; e o concello do Vicedo, que reformará a Casa da Cultura.

Os concellos de Burela e Bóveda adquirirán co apoio da Xunta novos equipamentos para os seus locais culturais e, no caso de Outeiro de Rei, investirán na posta en funcionamento das súas instalacións culturais. Tamén recibiron achegas os concellos de Muras, Xermade, Ribas de Sil, Viveiro, Monterroso, Guntín, Ourol, Pantón, Alfoz e O Valadouro.

Máis autobuses en Paradela e Portomarín

Noutro senso, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda incrementará a frecuencia dos autobuses que conectan de luns a venres Paradela e Portomarín e que enlaza ambos concellos con Lugo e Sarria. Ademais, o servizo prestarase tamén en festivos e fins de semana. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que nos días laborais duplícanse as frecuencias con respecto ás que inicialmente se prevían no Plan de Transporte para Paradela e Portomarín, unha de ida e outra de volta.

Deste xeito, os veciños de ambos concellos disporán de luns a venres de dous horarios tanto de ida como de volta, dentro da liña xenérica Lugo-Sarria. Pola mañá pararán os buses que saen en dirección Lugo ás 08.45 horas e os que saen en dirección Sarria ás 13.00 horas. Pola tarde, o da 17.30 en dirección Lugo e o das 19.30 en dirección Sarria.

Ademais, segundo a nova ordenación, ofrecerase o servizo tamén as fins de semana: o sábado pola mañá co mesmo horario de ida e volta, e os domingos e festivos con paradas ás 10.00 e ás 17.30 horas. Así mesmo, o concello de Portomarín conta cun servizo adicional de comunicación con Lugo de luns a venres, todos os días do ano, a través dunha liña integrada, con chegada a Lugo ás 8:40h e regreso dende Lugo os luns lectivos ás 17.45, de martes a venres lectivos ás 14.30, e de luns a venres non lectivos ás 14.30 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo