Egeria e GaliciaDigital presentan en Burela “Os nove anos de Fraguas en Lugo”

O IES Perdouro de Burela foi o escenario elixido onte para presentar o proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo. Ao acto de presentación asistiron Antón Niñe, en representación do Instituto e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Este proxecto está composto polo libro Os nove anos de Fraguas en Lugo, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel. Neste acto foron presentadas todas estas accións.

Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.

Polo recente pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a homenaxe a Fraguas ven ser tamén unha homenaxe póstuma ao iniciador deste proxecto, o derradeiro no que con grande ilusión se involucrou.

O proxecto Os nove anos de Fraguas en Lugo contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas estas accións, e co apoio da Xunta de Galicia. Esta exposición xa visitou Lugo (IES Lucus Augusti e Biblioteca Provincial), Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas, IES Rosalía de Castro e Pazo de San Roque), A Estrada (Casa das Letras), Vilalba (Casa da Cultura), Ferrol (Ateneo Ferrolán), Guitiriz (IES Poeta Díaz Castro), e nas vindeiras semanas percorrerá diversos lugares de Galicia e do resto de España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com