Enrique Rozas

Circula por Lugo, e supoño que por todos os pobos ou cidades de tipo medio, nos que todos coidamos coñecer a todos, un conto que vai cambiando de protagonista segundo proceda, para destacar a popularidade dunha persoa.

En tempos, o centro desa historia era o crego e coengo da Catedral, don José Ferro (poderosa voz e rotunda personalidade), e contábase que ían polo Vaticano o Papa e don José Ferro, e a xente cando pasaban, preguntaba ¿Quen será o señor do hábito branco que vai con don José Ferro?.

En Lugo, agora, podía pasar algo parecido… Se viñesen acó o Presidente do PP, Pablo Casado e o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e paseasen pola Praza Maior na compaña de Quique Rozas, a historia podía ser: Quen serán eses dous señores que van pola Praza Maior acompañando a Quique Rozas?

E se o conto, habitualmente, esaxera o protagonismo dunha persoa, neste caso non sería unha esaxeración, e por se non estivera claro, hai uns días coincidín con Enrique Rozas diante do Concello, e mentras falaba con el non deixaban de pasar lucenses ao noso lado que o animaban, pedíanlle que non se fóra, dicíanlle que moi ben feito, ou reafirmaban a súa amizade.

Sen dúbida, neste caos preelectoral que agora é Lugo, o gran protagonista  foi días pasados Quique Rozas, polo traballo calado durante moitos anos, pola súa presencia sempre onde coidou que debía estar, porque se vai cansado de estar onde non parece ter sido comprendido e menos valorado, e porque prefire a “descansada vida do que foxe do mundanal ruído”, buscando a paz familiar, deixando a guerra para os que teñen gana de loita.

Sempre se dixo que cando un non quere, dous non reñen. E vai resultar que é verdade…e cando hai posicións encontradas, pode haber vencedores e vencidos, pode haber empate cando os contendentes se poñen de acordo, pero cando alguén se retira para non ser obstáculo para os demais, canso de loitar, canso de traballar, poñendo ao mal tempo boa cara, ese é o vencedor, aínda que non houbese batalla; por non orixinar guerra. E os lucenses seguiremos preguntándonos quen son aqueles que pasean ao lado de Quique Rozas, por moi coñecidos que os que o acompañemos poidamos resultar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com