Entran a vivir os primeiros usuarios do Centro de Atención a Maiores de Meira

Os primeiros 5 usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira da Deputación de Lugo comezaron hoxe a vivir nas recentemente inauguradas instalacións provinciais. Todas as persoas son do propio municipio, e xa acudiron nos días previos a escoller a súa habitación e a coñecer ao cadro de persoal que prestará servizo nesta dotación social.

O equipo do CAM de Meira preparou para estas primeiras xornadas actividades e momentos de confraternidade para facilitar o máximo posible a integración e a familiarización co seu novo lugar de residencia. Para inaugurar o inicio desta nova etapa, compartirán co persoal un xantar e unha cea que contará cun pequeno aperitivo de benvida.

Un motor social e económico

Esta nova dotación social conta con 30 prazas de residencia, que poderán ser ampliables a 38 se fose preciso. Nace coa mesma filosofía dos centros provinciais: ofrecer un servizo público de calidade que garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e usuarias e as súas familias, favorecer o arraigo dos maiores no seu entorno e, ademais, crear emprego e dinamizar a economía.

Conta con 25 traballadores e traballadoras co obxectivo de que a atención sexa o máis personalizada posible, dispoñendo practicamente de case un traballador por residente. Así mesmo, cómpre engadir que ademais dos empregos directos, a nova residencia xera empregos indirectos na comarca, pois todo o que necesite a residencia e que sexa posible comprar na zona, comprarase na zona.

En canto ao arraigo dos maiores no seu entorno conséguese este obxectivo por dous motivos. Por un lado, porque no acceso ás prazas tiveron prioridade os veciños e veciñas do concello, logo os veciños da comarca e seguidamente os do resto da provincia de Lugo. Polo tanto, as  persoas que necesitan coidados e que queren vivir en Meira, teñen a oportunidade de facelo, quedándose no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com