Episodios con figuras, de M.A. Martínez Quintanar

O pasado ano, Espiral Maior publicou dentro da súa colección de poesía os “Episodios con figuras” de Miguel Ángel Martínez Quintanar, profesor santiagués residente en Lugo. E se hai un par de meses me chamou a atención o libro, sorpresa moi grata, prometinme volver a el con máis repouso, para mellor dixerir estes fondos mensaxes poéticos.

Digo en primeiro lugar que o autor é amigo, e amigo de amigos, polo que sentía doble curiosidade diante deste seu primeiro libro de poemas.

Quintanar é profesor de filosofía. Pensa e sabe. E inunda de coñecemento a súa expresión poética. E que agardase a superar o medio século de vida para publicar o seu primeiro libro poético, algo ten que significar, pois ten longa experiencia en traballos sobre filósofos clásicos e modernos, sobre escritoras portuguesas, textos para o ensino… e teño que mencionar – precisamente por amizade con ámbolos dous – os libros “Ser cidadán” e “Saber convivir” que en 2011 publicou con Manuel Regueiro Tenreiro (+).

Cada un dos episodios do libro ten a súa figura nun tempo ou acontecemento determinado… e están presentes grandes pensadores (Ortega ou Pitágoras; Freud ou Adorno; o estoico Epítecto ou o filósofo político Maquiavelo, e unha filósofa cega sen nome); escritores, aínda que algúns rebasan esa denominación (Sartre, Kafka, Roland Bates, Bacon…), con especial atención a creadores e artistas nosos, sexan Piñeiro e Celso Emilio; Urbano Lugrís e Xoán Montes, Cabanillas en Samos e Cunqueiro).

Para min que as figuras cobran vida e fanse protagonistas dos episodios, e Ortega (“non é eso; non é eso”), nun pesadelo nouturno comproba que “as hordas son un animal que sinte sede” mentras se lembra á filla de Pitágoras que gardou os “Comentarios” dc seu pai, “porque o silencio tiña máis valor ca o ouro”.

Freud contempla un Felo de Maceda e pregúntase “O real, cando comeza?”; e compre subliñar o episodio do profesor marxista, decidindo “morrer cos ollos ben abertos para verlle á parca o seu baleiro”.

Quédome coa figura de Cilistro paseando pola muralla de Lugo , onde “pode cegar a expresión de néboa e ledicia”; con Maquiavelo, ao que “o poema recibe a graza de anticiparse o desastre”, e “é potentia de /voar/ no que se ignora” en tanto que “o poeta é alusión / covardía /en meditación”.

Marco Antonio soña conquistar a abandonada cidade da Xermanía, poboada “con ninguén”, que ten a “ciencia de vivir / sen especies nin viventes”.E non teño máis remedio que pararme na filósofa grega que “retorna a infancia na Lucenza” para, con señardade, lembrar que “Antes do eucalipto foi a Chaira / o froallo na carqueixa / o país de mil outeiros” para concluir que “Antes do eucalipto eu soñaba que este leiro / era cénit vertical / terra dentro sen un fóra / apertura en implosión”.

E ollando cara atrás admiro que “Cando Santiago non era Compostela /e as Torres do Oeste / aínda unha promesa”, a cidade non podía saber “ a razón daquela beleza”.

Teño que volver a este libro filosófico-poético, denso e profundo, onde as figuras son moito máis ca un pretexto e os textos que delas abrollan – Martínez Quintanar por medio – son como coroas ou pedestais que os fan máis reais e cercanos; máis presentes e vivos.

Parabéns, Miguel Ángel, e grazas por ofrecernos figuras esenciais revividas en poéticos episodios coa claridade, a sinxeleza, a concisión, a firmeza destes “Episodios con figuras”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com