Equipo e protagonistas de ‘Todas as mulleres que coñezo’, o domingo en Codex

Despois do éxito absoluto da estrea de Trinta lumes (máis de catrocentos espectadores na primeira fin de semana), en Codex Cinema continuan na súa aposta polo cinema galego. Un cinema feito coas mans e coas xentes, centrado nas persoas reais e nos seus problemas. Así, o domingo 17 contarán cun novo pase especial adicado a Tódalas mulleres que coñezo, o filme de Xiana do Teixeiro, que xa tivo a súa presentación en Lugo o pasado setembro dentro da Semana de Cine de Autor de Lugo. O filme participou tamén no prestixioso Documenta Madrid, no Festival de Málaga, e no Festival Internacional de Cinema de Ourense.

Este próximo domingo, parte da equipa do filme estará nos Code cinemas para presentar este traballo.

Este filme propón, de forma moi orixinal, unha variada ollada ás diferentes situacións de violencia contra a muller que se producen na nosa sociedade, tanto as máis evidentes como as máis difíciles de identificar. Escapando ao sensacionalismo dramático e ao exhibicionismo, a película ten como protagonistas a mulleres reais que falan das súas inquedanzas, das súas opinións e das súas experiencias respecto a diferentes tipos de trato discriminatorio, violencia e maltrato en moitas circunstancias da súa vida.

A película divídese en tres partes, onde cada unha parece parece completar ou continuar a anterior. Na primeira delas, un grupo de mozas conversa nunha noite calquera na praza da Soidade. No que parece unha xuntanza sen moita importancia, comezan a introducirse temas de maior importancia referidos a súa integridade persoal e como esta vese ameazada en situacións que moitas veces non entendemos como violentas. Na segunda parte, estas mesmas rapazas falan nunha reunión con outras mulleres que veñen de diferentes ópticas dentro do feminismo, de diferentes realidades e formas de resistencia, encontrando entre todas puntos en común e solidariedade de xénero. Na terceira e última parte, o grupo de protagonistas recolle a impresión que a visión da película causou nun grupo de estudantes dun instituto.

A película utiliza esta estrutura en tres partes para amosar os diferentes niveis de representación da muller e do discurso feminista na nosa realidade, e tamén o que significa a toma de conciencia respecto a este problema e como transmitilo ao resto da sociedade. Da mirada cotiá e case improvisada da primeira parte, a unha maior concienciación e loita na segunda, para logo na terceira reflexionar e mostrarse fronte a outras realidades.

Tódalas mulleres que coñezo mostra as diferentes formas de violencia con contundencia, pero tamén sinala un camiño sobre como falar no cinema, como filmar a palabra e a mirada.

Xiana do Teixeiro consegue neste filme unha forma cinematográfica forte que fai que o seu discurso feminista non se perda no sensacionalismo nin na arbitrariedade interesada de moitas propostas actuais. É un filme onde se reivindica a figura da muller desde o primeiro plano, a súa forza e a súa independencia. Para Codex Cinema “é un orgullo poder mostrar películas tan comprometidas e feitas con tanto talento na nosa propia cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo