Europe Direct Lugo organiza unha xornada gratuita sobre agricultura ecolóxica e deseño de hortos sostibles

O centro Europe Direct pertencente ao Concello de Lugo organizará o vindeiro xoves, 16 de decembro, a partir das 10:30 horas, a xornada “Hortos urbanos e agricultura ecolóxica, cara a unha alimentación máis sostible”, no salón de actos do Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus), situado en Garabolos.

Será unha xornada aberta ao público e totalmente de balde, na que se afondará nos principios da agricultura ecolóxica e o deseño de hortos sostibles, coa participación de dous expertos: Carlos Brea Pallares, enxeñeiro agrícola, asesor de explotacións agrícolas e gandeiras e Máster en Calidade e Medio Ambiente; e Luis Ruiz García, profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas; responsable do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico na Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

O Concello de Lugo lanza a iniciativa no marco da súa estratexia de sostibilidade, onde a alimentación de quilómetro cero e o autoconsumo son claves. Neste senso, a Alcaldesa vén de presentar unha iniciativa enmarcada no proxecto LIFE, financiado pola Unión Europea, para a creación dunha innovadora zona verde na cidade, de aproximadamente 12.610m² no entorno da Garaballa, da que dará conta durante a xornada o profesor Luis Ruiz. Este espazo, situado a carón do edificio Impulso Verde, contará con novos hortos urbanos, adaptados a diferentes idades e usos sociais, proxectándose, deste xeito, hortos terapéuticos, para maiores, escolares, familiares e didácticos, en prol da convivencia interxeracional.

Ademais, estes novos hortos urbanos uniranse aos xa acondicionados polo goberno local nos últimos anos, nunha extensión de 3.000m² no parque dos Paxariños, como espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo.

Nestes momentos, atópase aberto o prazo para renovar a concesión destes hortos, 32 en total, que se poñen ao dispor da cidadanía interesada, de forma totalmente gratuíta, coa única condición de que as usuarias e usuarios deberán prescindir de produtos químicos de sínteses. Este requirimento implica, alén, a fertilización orgánica da parcela, o uso de sementes ecolóxicas e de variedades locais, así como a súa rotación. Actualmente estanse a avaliar as solicitudes e a previsión é que no vindeiro mes de xaneiro poidan estar adxudicados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com