Festival “Son Labreg@

O Sindicato Labrego Galego ven de celebrar, durante a xornada deste 21 de setembro, a terceira edición do Festival Son Labreg@ que, nesta ocasión, elixiu a parroquia de Montecubeiro (Castroverde, Lugo) como lugar para desenvolver todas as súas actividades.

Baixo o título de “Ecofeminismo e monte comunal” e organizado polas Mocidades do SLG, o programa comezou cunha intensa palestra, seguida de debate co público, sobre “Alternativas produtivas do noso monte”. Abriu este espazo o responsábel de Montes do SLG, Diego Sánchez Agra, quen fixo unha breve comparativa do uso tradicional do monte, que estaba totalmente integrado no sistema agrario e mantiña diversas producións -gandería, castaña, toxo para estrume, cultivo de cereais, pedra, lousa, madeira, cogomelos, etc.-; co uso moderno que se basea no monocultivo de piñeiro e eucalipto e que xera abandono e lumes forestais.

 Precisamente, fronte “a este modelo de explotación empobrecedora e degradante do monte, presentáronse na palestra varias experiencias exitosas de xestión, como a das comunidades de montes de Carballo (Friol) e Froxán (Lousame), a cría de gando caprino en Guntín con Cabuxa Natur, as cooperativas Ribeira do Navia e Ribeiregas en Ernes (Negueira de Muñiz) ou Amarelante (Manzaneda)”. Por exemplo, a Comunidade de montes de Carballo (Friol) apostou por un uso mixto forestal e gandeiro. Xosé Manuel Iglesias explicou que, “das 690 hectáreas que xestionan, un cento delas utilízanse para pasteiros e o resto para plantacións”. Aínda que nestas últimas predomina o piñeiro, estase a potenciar progresivamente o cultivo de frondosas autóctonas. En canto ao gando, crían porco celta, cabalo de raza galega, teñen dous apiarios cunhas trinta colmeas e apañan cogomelos.

Nesta terceira edición do Festival Son Labreg@ ,tamén falaron as dúas mulleres que integran a cooperativa Ribeiregas -Dora Cabaleiro e Luz Rossel- de Vilar de Ernes (Negueira de Muñiz), dedicadas principalmente á elaboración de conservas de hortalizas e zumes. No seu caso, ao monte veciñal xa non lle dan un uso tan cotián como no pasado, xa que tiveron que renunciar á cría de gando ovino e caprino porque a convivencia co lobo fíxollelo imposible; aínda que é de destacar a súa defensa do comunal, xa que “se teñen oposto á intención dunha parte da veciñanza que quería especular privatizando o monte, levando elas finalmente a razón”.

Por parte da cooperativa Amarelante, falou un dos seus integrantes, Davide Rodríguez. Nacida no ano 2013 en Manzaneda (Ourense) como un proxecto de recuperación de soutos en estado de abandono para a produción de castaña de calidade. Hoxe en día, esta cooperativa apaña 170 toneladas de castaña por ano e controla todo o proceso produtivo de principio a fin: recolección, pesado, peneirado, secado, pelado, moenda para fariña, envasado e comercialización. Aínda que, na actualidade, “manteñen 1’5 postos de traballo, os recursos que xeran xa dan para manter tres”. Tamén están a supor un factor de dinamización social e fixación de poboación importante na zona.

En canto á comunidade de montes de Froxán, en Lousame, foi incluída pola ONU no rexistro do ICCA (International Congress and Convention Association) polo seu bo facer, algo do que” só se atopan  outros tres casos en Europa”. Un dos seus integrantes, Joam Evans, fixo unha síntese da historia deste monte veciñal, ameazado pola” actividade mineira (San Finx) e a eucaliptización”. Dende 2016, ano no que un incendio asolou a zona “no contexto da loita contra a minaría”, as cinco casas que forman parte deste monte veciñal decidiron pasar á acción con actividades como a “deseucaliptización, para a que lograron o apoio de 600 persoas voluntarias e a substitución de eucaliptos por frondosas autóctonas. Outro feito destacable é que, das cinco persoas comuneiras, catro son mulleres”.

 Finalmente, Gemma San Pedro relatou a súa experiencia en crear e sacar adiante Cabuxa Natur, unha empresa propia coa que se dedica á cría de gando caprino de raza galega en Guntín. Gemma ten 260 reprodutoras ás que mantén cos recursos propios que lle dan as 50 hectáreas das que dispón, das cales 34 son de pasteiros e o resto de terreos forestais. Quizais, unha das súas principais loitas é contra os ataques do lobo, perdas das que non se dá librado a pesares de ter todos os predios cercados con 7 quilómetros de valado, 5 fíos eléctricos e 6 mastíns.

 Con estes exemplos, dende o SLG quíxose destacar “que as alternativas á explotación produtivista do monte con piñeiro e eucalipto son viábeis e realistas e xeran máis emprego e riqueza, fixan poboación no rural e dinamizan o tecido social ao redor delas”.

Ademais houbo troula ata a noite. Xa pola tarde, tralo campionato de billarda e a actuación de Anxo Moure, presentouse o libro Árbores que non arden: as mulleres na prevención dos incendios forestais. Trátase dunha iniciativa impulsada dende o Proxecto Batefogo que se vai plasmar na publicación dun libro multidisciplinar.

E durante toda a xornada a música estivo presente, poideronse escoitar sons de distintos xéneros musicais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com