A folga feminista do 8M gaña adeptos nos distintos colectivos da provincia

A falta de dous días para a conmemoración do Día Internacional da Muller e a folga internacional que está programada a distintos niveis, dende o laboral ata o de consumo ou coidados, son moitos os colectivos, organismos ou empresas que apoian as reivindicacións feministas e mesmo cambian as súas rutinas ou horarios habituais para facilitar que as mulleres fagan folga.

Así, a organización municipal Lugonovo adianta a mañá mércores, 7 de marzo, a celebración do Día da Muller organizando unha festa feminista no seu local a partires das 8 da tarde. Tamén o BNG-AA secundará a folga; a edil Maite Ferreiro anunciou o seu apoio: “temos que mandar unha mensaxe clara e provocadora, capaz de xerar debate e remover a conciencia,  porque ante a desigualdade e a violencia contra as mulleres non caben medias tintas”. Ferreiro aproveitou para facer un chamamento á participación nas mobilizacións previstas, “que se note nos centros de traballo, que se note no consumo e que se note nas casas”, instou a edil do BNG, “porque o mundo non pode funcionar sen as mulleres”.

Asemade, a Plataforma sanitaria da Mariña anunciou esta mañá que apoiará e secundará a folga de mulleres acudindo ás concentracións que se celebrarán ás 12:30 horas diante dos Concellos de Viveiro, Burela e Ribadeo ademáis de participar  nos actos reivindicativos que se celebrarán en Burela durante a tarde, sen deixar de respectar os servizos mínimos.

Por outra banda, un grupo de mulleres que forman parte de distintos colectivos da Terra Chá veñen de convocar unha concentración que se desenvolverá ao longo de todo o día, desde as 11:30 da mañá ata as 8 e media da tarde, na praza da Constitución de Vilalba, onde se levarán a cabo distintas actividades para dar a coñecer as reivindicacións da folga. A Secretaría de Mulleres do Sindicato Labrego Galego, a Asociación Feminista de Vilalba, as Mulleres Rurais de Insua, Santaballa ou Nete, entre outras, iniciaron un chamamento para facer fronte ás discriminacións de xénero.

Tamén dende as institucións

Son moitos os Concellos que apoian e secundan esta folga, e que xa se demostrou o pasado domingo na concentración que houbo en Vigo e para a cal moitas institucións locais deron o seu apoio e facilitaron o achegamento das mulleres. Así, hoxe, uníuse a Concellería de Igualdade do Concello de Ribadeo facendo un chamamento ás mulleres para que participen no paro e na folga. O paro está convocado desde as 12 da mañá até as 14:00 horas, cunha concentración diante do Concello ás 12:30 horas, “á que se unirán as mulleres doutros sectores, as estudantes, as paradas e as coidadoras que poidan parar, xa que todas non poden”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo