Francisco Sineiro lamenta a falta de medidas de política agraria nos últimos anos

Os secretarios Provincial e de Medio Rural – Juan Carlos González Santín e Horacio Rouco-, acompañados polo secretario Xeral de Unións Agrarias Galicia –Roberto García- e o profesor de Economía Agraria da USC -Francisco Sineiro-, participaron nunha charla informativa sobre a produción de leite sen cotas e a nova PAC na Casa da Cultura de Palas de Rei.

Na xuntanza analizouse a “crítica situación” que atravesa o sector lácteo e que está a afectar especialmente á provincia de Lugo, pois é a maior produtora de leite de Galicia e incluso de España. Precisamente, e co fin de poñer en valor o traballo dos  produtores e gandeiros lucenses, o secretario provincial lembrou que “os socialistas xa presentamos diferentes iniciativas no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e incluso no Parlamento Europeo, para que o Goberno Central incorpore elementos básicos que deben estar presentes no novo decreto lácteo: que se garanta a recollida do produto, que os contratos coas industrias teñan unha duración obrigatoria de dous anos e que se modifique a figura do mediador, para que as súas competencias sexan reais e que a Administración teña un peso directo na negociación dos prezos do leite en España”.

Diante deste panorama, Franciso Sineiro lamentou “a falta de medidas de política agraria durante estes últimos anos para adaptarse a esta nova situación e a carencia dun plan estratéxico para o conxunto da cadea láctea, tal como teñen establecido outros Países europeos”.

“Coa caída do prezo do leite en orixe moi por debaixo dos custos de produción, o escenario que se presenta para os gandeiros “non ten precedentes: está só ante as grandes superficies a as súas marcas brancas, sen o apoio do Goberno”. González Santín, en nome dos socialistas lucenses, reiterou o seu “compromiso cos gandeiros da provincia que están a sufrir o abandono dos Gobernos autonómico e estatal, que os manteñen nunha situación de indefensión fronte ás industrias”.

Para Francisco Sineiro, a produción de leite sen cotas “abre unha oportunidade de aumentar a produción, coa vantaxe de que boa parte pode ir destinada a cubrir o consumo no mercado español; pero ao tempo supón tamén unha  ameaza de aumento das importacións doutros Países europeos, sobre todo, no caso de non cumprir as expectativas de exportación fóra da Unión Europea”.

No encontro que mantiveron con veciños e veciñas da Ulloa, explicaron que esta comarca  podese ver notablemente afectada pola supresión das cotas lácteas e a supertaxa, pois os tres municipios que a conforman –Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla-, xa que contan con 240 explotacións, que, cunha media de 216.000 quilos cada unha, producen máis de 51,8 millóns de quilos cada ano. “Por iso, fai falla unha acción coordinada e decidida das administracións coas competencias directas na defensa do sector lácteo, que evite aos gandeiros lucenses o pago de sancións millonarias por superar a cota”, explicou Rouco.

Segundo o profesor Sineiro, da USC, “as perspectivas e o futuro da produción de leite en Galicia dependen de como se resolvan tres asuntos de especial relevancia: o primeiro é a mellora da competitividade na produción de leite, cunha maior produción de forraxes, que depende de dispoñer de máis terras, para reducir a dependencia nos alimentos comprados así como da adaptación da produción á nova situación dunha maior variación nos prezos do leite e dos concentrados. En segundo lugar depende da capacidade da industria para xestionar, procesar e colocar no mercado os aumentos de produción e, en último lugar, do establecemento dunha maior estabilidade nas relacións entre produtores de leite, as industrias e a distribución alimentaria para limitar os efectos da  variabilidade nos prezos do leite”.

Os socialistas afirman ser coñecedores das dificultades que estivo e está a sufrir o sector agrario polo constante aumento dos custes de produción derivados da suba do prezo dos cereais, do aumento dos custes enerxéticos e pola baixada dos prezos de venda. “É este un dos motivos polos que o PSOE decidiu convocar esta charla en Palas de Rei, e colaborar así de forma activa para que ningún agricultor e ningún gandeiro queden sen cobrar ás axudas directas da Política Agraria Común”.

Neste senso o  secretario Xeral de Unións Agrarias afirmou que “a aplicación da reforma da PAC en España é unha oportunidade perdida para facer un reparto máis xusto. Debido ás definicións realizadas polo Goberno do PP en Madrid as explotacións galegas veranse enormemente prexudicadas, tendo que conformarse coa idea de non perder cando poderían cobrar moito máis.

Fronte as declaracións dos alcaldes populares, que afirman que coas axudas asociadas á produción a axuda por vaca vai ser superior á que había ata o de agora, Roberto García explicou que “están a ocultar que as explotacións deixarán de percibir a metade do pagamento único que viñan cobrando”. “Se este novo modelo de axudas non fose suficientemente inxusta para as explotacións galegas, o goberno de Feijóo estableceu criterios aínda máis restritivos que a norma estatal, o que suporá que se deixen de sementar cada ano máis de 16.000 hectáreas de millo. Isto supón unha perda da capacidade forraxeira da explotación e unha desvantaxe fronte ás explotacións doutras comunidades autónomas que se acollen á norma estatal pola cal cada agricultor pode escoller qué cultivo declara en cada recinto, o do verán ou o do inverno”, engadiu.

“A neglixencia da Xunta faise evidente tamén na xestión do Programa de Desenvolvemento Rural  (PDR) cofinanciado por 889,8 millóns de euros do FEADER. Como denuncian desde UUAA, o goberno autonómico enviou o PDR á Comisión Europea para a súa aprobación sen cumprir co procedemento partenariado; é dicir, sen contar coa participación das distintas organizacións e axentes do medio rural. Por iso, a Comisión Europea non aprobou o PDR galego e enviou á Xunta un documento con centenares de observacións para a súa corrección. Actualmente o PDR está pendente da súa aprobación, o que retrasa a publicación das convocatorias das distintas axudas e polo tanto a execución de investimentos no medio rural”, explican.

Doutra banda, segundo explicou o representante de UUAA, “a reforma da PAC supón a revisión do regulamento da Organización Común de Mercados que se caracteriza por un desmantelamento dos mecanismos de control dos mercados e só se deixa unha rede de seguridade que actuaría en caso de crise grave, como por exemplo unha crise como a das vacas tolas”.

Deste xeito, este encontro súmase a máis dunha ducia de xornadas informativas organizadas dende a secretaría de Medio Rural que dirixe Rouco, e que se viñeron celebrando cun gran éxito de asistencia no último ano para informar sobre estes asuntos en diferentes concellos da provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com