Fronteiras

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.

Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde, ensaio xeral para a invasión definitiva.
Darío tiña moi claro as dinamicas que moven o mundo e el foi quen me comentou que cando en Lugo se fala da Roma invasora temos que ter en conta que, se os primitivos galegos morreron antes de ser vencidos, dos vencedores vimos, romanos ao fin.

A para min máis entrañable obra de Darío Xohán Cabana, “A Fraga amurallada”, dinos claramente de onde vimos os habitantes desta fraga que unha muralla acobilla, entendendo que ningunha barreira logrará conter a realidade: “nacéramos no val ou no alto monte / onde o vento nas árbores cantaba”, pero “un dia viñemos e arraigamos / nos arrabaldos novos, oh cidade!/e pisámosche as rúas empredradas / e agora somos teus e ben te amamos, / e ás vegadas tamén temos saudades / das terras atrás nosa abandoadas”.

Cando cheguei a Lugo (1964)  a  cidade tiña arredor de sesenta mil habitantes, pasa agora dos cen mil, e esta Lugo de agora, especialmente varia en cores e procedencias, debe a súa actual existencia ao pacífico aluvión dos que viñemos de fóra. O tempo vai barrendo fronteiras, límites, barreiras… Lugo é un pacífico exemplo; Ceuta, un aviso que ninguén debe botar ás costas.

Pode seguir a pacífica invasión – todas as pacíficas invasións nas que sen darnos conta participamos – ou pode ser polas bravas. Só depende da dose, da cantidade de invasores, e da présa que teña un en buscarse a vida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com