" />

Gastronomía, tradición e cultura reúnense o 16 de xullo en Parga

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, o Presidente da Comunidade de Montes de Parga, Fernando Roca Arenas, e o Presidente da Asociación de Propietarios do Campo da Feira de Parga, Xesús Barreiro, presentaron este xoves a XXIII Feira da Cantería, dos Callos e da Artesanía de Parga, que se celebrará na vila o vindeiro domingo 16 de xullo.

O organismo provincial colabora un ano máis coa Comunidade de Montes Veciñais de Santo Estevo de Parga, cunha achega de 3.000 euros para a organización deste evento, co que pon en valor a gastronomía e os oficios tradicionais lucenses, ademais de dinamizar a economía do Concello e promover o turismo.

Santos Ramos subliñou que se trata “dun evento moi arraigado no Concello de Guitiriz pola importancia da cantería nesta zona, celebrándose un certame no que participarán unha vintena de profesionais deste sector chegados de toda a xeografía galega, e vendéndose de media máis de 1.000 racións de callos ao longo da xornada”. O Deputado de Relacións Institucionais engadiu que “ademais da achega que realizamos á Comunidade de Montes de Parga, colaboramos cunha demostración de olería a cargo de Inmaculada Díaz Cabarco”.

Pola súa parte, Regina Polín agradeceu o compromiso do Executivo Provincial con esta festividade pois “dende o ano 2007 vén colaborando en cada nova edición, facendo posible a súa celebración, e podo anunciar que trataremos de que a Feira sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego”.

Fernando Roca foi o encargado, nesta presentación, de desgranar o programa resaltando a novidade deste ano: unha aposta polo mundo ecuestre. Durante todo o día e á par que se celebra o concurso de canteiría, terá lugar unha actividade de hípica “autóctona de Galicia”, a proba de andadura. Haberá proba federada e probas libres para os montadores locais que desexen participar sen estar inscritos na federación. “Ademáis, haberá unha proba de cabalos trotóns, na que os cabalos chegan a coller unha velocidade de 60 km/h sobre o trote”, explicou Roca.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo