Guía telefónica

As guías telefónicas impresas  foron esmorecendo en canto os teléfonos móbiles nos foron dominando, chegando a desaparecer , dunha banda porque a inmensa maioría dos números de teléfonos non son de coñecemento  público, porque os teléfonos fixos están en decadencia e porque as guías poden consultarse en internet.

Non obstante, cousas da idade, eu sigo confeccionando a miña guía telefónica particular, na actualidade incorporándolle os correos electrónicos dos titulares para completar  a vía de conexión, manténdoa na dobre versión: dixital, consultándoa no ordenador, e física imprimindo as longas relacións para consultalas sen depender de ningún artiluxio.

Así, cando teño que incorporar novos teléfonos ou correos vou facendo na versión impresa a correspondente anotación, para mantela ao día, agardando unha renovación que só se produce de tarde en tarde.

Tócalle renovación nestes tempos, e cada día vou retocando unhas cantas follas, que levo tempo sen poñela ao día, e teño centos de incorporacións, modificacións ou baixas.

A iso ía, ás baixas, que o primeiro que fixen foi repaso xeral cambiando domicilios, números de teléfonos, correos… e tachando os nomes dos que xa non están, que me asombraron polo número dos que causaron baixa nos últimos tempos.

Certo é que a relación xa é de hai algo máis dun ano, pero nese máis dun ano fun despedindo mentalmente a ducia e media de amigos dos que souben que se foran, dos que non poido evitar que o corazón sinta mágoa e un aquel de soidade, que a incorporación de novos amigos non fan máis que acreditar o baleiro dos que se foron, nunca compensados, que se me fai sentir que o tempo me está tratando moi ben a estas alturas tamén me pon de manifesto a inxustiza das baixas no padrón de persoas que tiñan que ter moita vida por diante.

En poucos días, terei nova guía telefónica privada na que cada vez son máis escasos os números fixos que aparecen, cada vez menos os amigos vellos, e cada vez maior a impresión de velocidade do tempo que fuxe diante de nós.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com