Unha muller reivindica as mulleres falecidas por mor da Violencia de Xénero

‘Habemus’ Alcaldesa

Pasadas as dez da mañá chegaba ao concello a xa alcaldesa de Lugo Lara Méndez, acompañada de José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdG e Presidente da Deputación en funcións e do ex concelleiro Luís Álvarez.

Subindo as escaleiras puideron ver a unha muller coas mans tinguidas de vermello e nomes de mulleres escritos na súa saia para denunciar a violencia machista.  Pasaron polo corredor onde se atopaba numeroso público e entraron no salón de plenos tamén abarrotado. Dentro, entre os centos de asistentes, estaba Ramón Carballo, subdelegado do goberno, Xosé Blanco parlamentario europeo, o deputado autonómico de Age Ramón Vázquez e outros representantes políticos.

Durante o pleno, e no momento da toma de posesión das actas os novos concelleiros utilizaron a fórmula de “prometo”, agás os concelleiros do BNG-AA, que recorreron ao seguinte texto: “ Prometo por imperativo legal; e comprométome a defender os intereses xerais do Concello de Lugo e do Pobo Galego”. Carlos Portomeñe, concelleiro de ACE, empregou o “sí, prometo, sen renunciar aos meus principios republicanos”.

Como excepción, a concelleira popular Isabel Devesa (apelido galego que significa “bosque atlántico ou fraga emprazada nunha aba moi pendente e orientada ao norte”), que utilizou o castelán para prometer o seu cargo.

A anécdota produciuse na toma de posesión da presidenta da Mesa de Idade, e concelleira do Partido Popular, Mª de Carmen Penelas, que comezou a ler en galego, pasando logo ao castelán. A continuación volveu a ler o texto completo en galego.

Ao finalizar o Pleno de Investidura, a xa Alcaldesa foi felicitada por familiares e amigos, así como representantes políticos e sociais de todos os ámbitos.

Xornal de Lugo falou cas dúas forzas que entran por primeira vez no consistorio, Lugonovo e Cidadáns, para coñecer a súa valoración ao respecto do acontecido. Santiago Fernández Rocha, voceiro da plataforma cidadá Lugonovo, que acadou tres concelleiros, amosouse moi satisfeito “en primeiro lugar, por posibilitar que por primeira vez Lugo conte cunha muller ao fronte da alcaldía”.

No tocante ao análise discurso de investidura, Rocha destacou que “certamente aparecen recollidos moitos dos puntos que nós tiñamos como fundamentais no programa, e iso anuncia unha posibilidade de negociación frutífera”.

Pola súa banda, Olga Louzao, líder de Cidadáns en Lugo, con dous concelleiros, congratulouse desta nova situación dentro do Concello, ao conseguirse que o Partido Socialista dera “un paso adiante no senso que pedían as restantes forzas políticas”.
Así rematou este histórico pleno. A partires do luns os socialistas reuniranse en primeiro lugar con Lugonovo, para comezar a artellar a confección dun novo goberno local para os vindeiros catro anos.
Eloi Caldeiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com