Homenaxe a Antonio Fraguas no IES Lucus Augusti

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta tarde, no IES Lucus Augusti, ao acto de presentación do proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo, impulsado polo Colectivo Egeria –no que participan ex-alumnos de Antonio Fraguas, autor ao que a RAG lle dedica este ano o 17 de maio– co apoio da Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, para lembrar o paso do polígrafo de Cerdedo-Cotobade pola cidade da Muralla, onde exerceu como profesor de ensino secundario durante case unha década.

Valentín García explicou que as persoas que non coñeceron persoalmente a Antonio Fraguas “reparan fundamentalmente na súa faceta de etnógrafo. En cambio, aqueles que tiveron a fortuna de recibir o seu maxisteiro, sen deixar de salientar o seu relevantísimo papel como investigador, divulgador e dignificador da cultura popular galega, antepoñen na lembranza a súa extraordinaria capacidade e vocación para a docencia e a miúdo insisten na pegada que deixou neles este magnífico profesor, quen en moitos casos foi responsable de espertar en alumnado e compañeiros o interese e o amor por Galicia”.

No acto interviñeron, ademais de Valentín García e Manuel Regueiro –ex-director xeral de Política Lingüística e un dos promotores da iniciativa xunto cos ex-alumnos de Fraguas, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz e mais o historiador Antonio Prado–, o director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón Rivas; o director de Galicia Digital, Antonio Xiz, e os xa mencionados ex-alumnos.

Os nove anos de Fraguas en Lugo inclúe tres materiais que foron presentados nos actos de hoxe, en si mesmo xa unha homenaxe ao autor a quen se lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas. O libro Os nove anos de Fraguas en Lugo recolle textos dos promotores da iniciativa e mais doutros amigos e antigos alumnos do profesor de Cerdedo-Cotobade referidos aos tempos en que este foi docente na capital lucense e á fonda pegada que deixou neles e na sociedade. A exposición está composta por 12 paneis en que se resume o contido do libro. Foi aberta durante o acto e percorrerá toda Galicia despois de permanecer durante unhas semanas no IES Lucus Augusti. Por último, o web fraguasenlugo.org recolle todos os contidos da publicación en papel.

Ademais de presentar estes tres materiais, durante o acto impúxoselle o nome Antonio Fraguas ao arquivo e biblioteca histórica do instituto. Tamén se lle fixo entrega ao centro do cadro realizado polo pintor Manuel Romero co gallo desta celebración. O proxecto-homenaxe Os nove anos de Fraguas en Lugo forma parte da programación institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com