II Campus Específico de Fútbol Sala

O Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, e o presidente do club lucense Lugo Sala, Marcos Pereira, presentaron este mércores no Salón de Plenos do Concello o II Campus Específico de Fútbol Sala, que terá lugar entre os días 1 e 4 de setembro no pavillón O Palomar e na Casa do Deporte. O Concello de Lugo colabora con esta iniciativa, dirixida a nenos e nenas nados entre o 2000 e o 2008, posto que se enmarca dentro do seu apoio a todas as actividades deportivas de base. No acto de presentación tamén estiveron presentes outros membros da directiva do club.

No acto, Díaz Grandío salientou “a excelente oportunidade que supón o campus para que os máis cativos gocen duns días de compañeirismo ao tempo que practican o seu deporte favorito”. Neste senso o edil felicitou aos organizadores “por levar adiante esta actividade vinculada a un dos deportes que é un referente na nosa cidade, como é o fútbol sala”.

O II Campus Específico de Fútbol Sala arrancará o martes 1 de setembro, ás 09:30 horas, coa recepción dos participantes. Ao longo de catro días, os cativos participarán  en adestramentos específicos para xogadores e porteiros, recibirán as visitas dos xogadores da Liga Nacional de Fútbol Sala, terán actividades de lecer sorpresa e sorteos, entre outros. O xoves día 3, os participantes achegaranse ao Aquapark de Cerceda. Todas as xornadas desenvolveranse de 10:00 a 19:00 horas e haberá comidas incluídas para todos os nenos e nenas: un refrixerio a media mañá, comida en restaurante e merenda a media tarde.

Todos os nenos e nenas nados entre o 2000 e 2008 interesados en participar deberán enviar a folla de inscrición asinada polos pais a info@lugosala.com ou ben entregala na tenda Legea Sport adxuntando o ingreso correspondente. As prazas reservaranse por estrita orde de inscrición ata cubrir as 100 dispoñibles.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com