In memoriam: Araceli Herrero Figueroa

Remato de saber da triste nova, do pasamento de Araceli Herrero Figueroa. Nos intres nos que escribo estas liñas sinto un abraio difícil de definir.

Coñecín a Araceli aló polo ano 1978 sendo eu estudante de maxisterio. Eran momentos de inquedanzas e esperanza, estabamosa  loitar, entre outras moitas cousas, polo idioma, despois de tantos anos de prohibición. Foi ela, de xeito oficial, a primeira profesora en dar clase de galego en Lugo, a encargada, nada máis e nada menos, de formar no ensino do noso idioma ás mestras e mestres que logo ensinarían nas escolas a nosa lingua. Nese tempo, algúns de nós, da man dela, coñecemos o reintegracionismo e mesmo pasamos a formar parte dos primeiros afiliados de AGAL. Tamén por aquelas datas o seu departamento trouxo a Isaac Alonso Estravís a presentar o seu imprescindible dicionario; programamos recitais de poesía e mesmo concertos de música. Fixemos, asemade, viaxes a distintos puntos da xeografía galega na procura da nosa cultura, lembro con especial cariño a que nos levou ata a tumba de Celso Emilio Ferreiro, pouco tempo despois do pasamento do bardo de Celanova, alí lin un poema dedicado ao creador de Longa Noite de Pedra.

Unha vez rematados os estudos, seguín mantendo relación con ela; anos despois , Araceli tivo a deferencia de escribir o prólogo do meu primeiro libro “Anacos de Silencio”. Mantivemos contacto todos estes anos, unhas veces porque lle facía chegar novos poemas, outras por mor da música ou por calquera cousa que tivera que ver coa nosa lingua ou cultura e ela contábame dos seus traballos de investigación, campo onde Araceli sobresaíu tanto polo seu rigor como pola excelente cualidade dos mesmos. Araceli era unha persoa que estaba ao tanto de todo o que sucedía no país e cada vez que nos atopabamos, sempre co  sorriso na face, botabamos extensas parrafadas sobre como ían as cousas, como andaba a poesía ou calquera nova que se producira. Porque falar con ela era, para min, unha satisfacción. Cantas veces temos comentado do inxusto da tardanza en dedicarlle o Día das Letras a Carvalho Calero, o seu admirado mestre. E tivo que ser este tebroso ano en que, por fin, foi emendado tanto desleixo, cando se produciría tan triste e lutuosa nova.

En paz esteas Araceli, sempre estarás connosco.

Eloi Caldeiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com