" />

Inaugurada a primeira fase do Museo de Sargadelos

Hoxe inaugurouse a primeira fase do Museo de Sargadelos, un proxecto expositivo en Cervo que recolle a historia da fábrica de cerámica e que ten previsto recuperar tamén a casa na que viviu Isaac Díaz Pardo.

A primeira fase deste novo proxecto museográfico componse de sete salas expositivas, quedando pendente de execución unha segunda fase que inclúe novas salas e a recuperación da casa na que viviu Isaac Díaz Pardo na súa etapa en Cervo, unha iniciativa que coincide coa celebración do centenario do seu nacemento, unha efeméride que está previsto conmemorar cunha exposición na Cidade da Cultura. Estas salas permitirán amosar parte do patrimonio da fábrica de cerámica e poderase contemplar desde pezas de olería tradicional ata algunhas das obras de Luís Seoane ou do propio Díaz Pardo.

A xoiería, o vidro ou as colaboracións con persoeiros ilustres e grandes ceramistas como Arcadio Blasco, Carmen Perujo, Silveiro Rivas ou Camilo José Cela tamén ocuparán un lugar destacado dentro do novo museo. O proxecto complétase cun túnel pasadizo con pezas dos alumnos que participaron nas experiencias que se fixeron nos veráns desde 1971 e cunha sala adicada ás pezas que se fixeron exclusivas para empresas e ás esculturas de artistas de renome.

Dentro desta primeira fase tamén se recuperou o auditorio, onde se levarán a cabo experiencias culturais e proxeccións; a antiga sala de reunións, que albergará varias vitrinas con pezas do Castro desde 1950, e a antiga Biblioteca do Seminario cunha colección de máis de 1000 libros.

BIC desde 2014

O conxunto da fábrica de Sargadelos de Cervo está declarado Ben de Interese Cultural desde o ano 2014. Dentro deste recoñecemento inclúese, ademais da casa de Isaac Díaz Pardo, o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat, no que se conxuga a tradición e a modernidade e no que destaca o expresionismo da estrutura de formigón, ou o auditorio e departamento de Arte e Comunicación, creado para converter a fábrica de Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial. O conxunto complétase cunha Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, unha piscina descuberta, unha pasarela metálica e unha marquesiña de formigón.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo