A Deputación e a Federación de Comercio de Lugo poñen en marcha un sorteo para impulsar as compras no comercio local
A campaña estará activa ata o 30 de novembro e permitirá participar no sorteo dun vehículo híbrido por compras iguais ou superiores a dez euros en establecementos de proximidade da provincia.
A Deputación de Lugo e a Federación de Comercio de Lugo presentaron este luns na Praza de San Marcos O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha campaña coa que buscan incentivar o consumo nos establecementos de proximidade. A iniciativa ten como principal reclamo o sorteo dun vehículo híbrido, que permanecerá exposto nesta praza durante toda a semana.
A campaña desenvolverase desde este 20 de outubro ata o 30 de novembro, nun período situado entre as compras da volta ao cole e o inicio da campaña de Nadal. Segundo os seus promotores, a proposta pretende contribuír a dinamizar o comercio minorista nun momento do ano no que os establecementos afrontan dificultades para manter o ritmo de vendas.
Para participar, será necesario realizar unha compra por un importe mínimo de dez euros nun comercio de proximidade da provincia de Lugo e rexistrar o tícket na páxina web www.sorteocomercio.es/coche.
O sorteo celebrarase ante notario o 3 de decembro no Pazo de San Marcos. Posteriormente, terá lugar un acto de entrega do premio na praza do mesmo nome, en Lugo.





