Iniciados os trámites para anular a rehabilitaxión da Casa-Torre da Tinería

A Xunta de Galicia acaba de iniciar os trámites administrativos para anular o contrato da obra de rehabilitación do antigo Hospital de San Miguel, tamén coñecido como Casa-Torre, un edificio emprazado no barrio lucense da Tinería e que tras a súa recuperación está previsto que sexa cedido en parte á Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo da provincia de Lugo e se destinará tamén á difusión dos recursos turísticos da zona.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tomou esta decisión despois de que os novos responsables de Urbanismo rexeitaran o proxecto consensuado no seu momento entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os anteriores encargados municipais desta área. Cómpre lembrar que o contrato fora adxudicado polo IGVS en decembro do ano 2020 por un importe de 555.054,98 euros, IVE incluído, e cun prazo de execución de oito meses.

Sen embargo, o Concello de Lugo indicou que antes de outorgar a correspondente licenza de obra, era necesario realizar e aprobar un estudo de detalle, que foi presentado polo IGVS —despois de consensualo co propio concello— o 17 de febreiro do ano pasado.

Despois de que os novos responsables de Urbanismo emitiran informe negativo sobre o estudo presentado e tras varias reunións entre o organismo autonómico e os responsables municipais para desbloquear a situación, o Concello de Lugo rexeita agora o proxecto e a única proposta alternativa que aporta compromete a viabilidade do proxecto de rehabilitación e a posta en valor dos elementos patrimoniais máis salientables da edificación.

Os continuos atrasos na tramitación da licenza de obra, solicitada hai máis de ano e medio polo IGVS ao Concello, e o cambio de postura do Goberno lucense con respecto a un proxecto totalmente consensuado con el, obrigan agora á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a rescindir o contrato tendo en conta o tempo transcorrido, xa  que a empresa adxudicataria, Construcciones Alea S.L., leva 13 meses á espera de poder iniciar a obra.

O proxecto proposto para rehabilitar a Casa-Torre —propiedade da Xunta e situado xunto á Porta Miñá da muralla romana— ten por obxecto a recuperación da mesma para o seu uso por parte da referida Asociación, permitindo ademais o acceso á muralla a través dun itinerario accesible mediante a instalación dun ascensor interior que comunica a cota da cidade coa do adarve da muralla.

Trátase, por tanto, dunha iniciativa importante tanto para a cidade de Lugo como para o conxunto da provincia, polo que desde a Xunta de Galicia cómpre lamentar que a situación interna da área de Urbanismo municipal desde a dimisión do anterior concelleiro teña lastrado o proxecto ata chegar ao momento actual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com