José González destaca a vocación aceiteira de Quiroga

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu á entrega de premios da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAG) en Quiroga e destacou a “vocación aceiteira” deste concello e da contorna e que supón un elemento dinamizador para desenvolver a zona.

“Nestas terras do sur leste da provincia de Lugo atópanse algunhas das oliveiras máis antigas de Galicia, moitas delas centenarias”, declarou o titular de Medio Rural, que tamén recibiu un galardón polo seu compromiso coa APAG. Respecto á asociación destacou o labor dos máis de cen socios que a conforman, xa que dan valor ás terras e contribúen a manter un agro vivo e dinámico, “entendido non só como un lugar para traballar, senón tamén como un espazo no que residir, con calidade de vida”, en palabras de José González.

Os galardóns máis especiais foron para dous veciños da contorna, unha produtora e un mestre almaceiro precursores da produción de aceite na zona. Pero entre os premiados tamén estiveron a Fundación Juana de Vega e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o “magnífico traballo” realizado polos investigadores do CSIC para identificar e acadar o recoñecemento oficial de dúas variedades de oliveira autóctonas de Galicia, como son a brava e a mansa galegas. Estes técnicos constataron ademais que ambas presentan un alto nivel de adaptación ás condicións climáticas da nosa comunidade e que son orixinais tanto pola forma das follas da planta ou do froito como tamén polas características dos aceites que producen. “Temos, pois, variedades con personalidade propia, ben definida, algo fundamental para distinguirnos no mercado”, sinalou José González.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com