José Manuel Balseiro chama a “sumar esforzos” para paliar os efectos dos desafiuzamentos

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá unha xuntanza sobre o problema dos desafiuzamentos e o acceso á vivenda á que foron convocados os alcaldes e técnicos de servizos sociais de todos os concellos da provincia.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que o obxectivo do encontro é “sumar esforzos, xa que as administracións locais e a autonómica podemos e debemos colaborar para prestar unha atención áxil e resolutiva ás vítimas de desafiuzamentos e, en xeral, para facilitar o acceso á vivenda a todas as persoas que precisan apoio pola súa situación económica ou social”.

O delegado lembrou que os servizos sociais municipais son en moitas ocasións os primeiros en detectar unha situación de risco que require do amparo dos recursos públicos, a primeira canle pola que reciben información os afectados e a que os deriva cara aos servizos ou departamentos autonómicos que corresponda, de ser o caso.

Ademais, Balseiro invitou aos concellos que aínda non o fixeron a sumarse ao programa de vivendas baleiras. A través deste plan, os concellos adheridos poden mobilizar inmobles desocupados para destinalos a alugueiro social a un prezo máximo de 300 euros.

A Xunta financia nestas vivendas un seguro de multirisco e outro de garantía de cobros que inclúe asistencia xurídica gratuíta para os propietarios. Na provincia hai xa oito concellos que toman parte nesta iniciativa da Xunta consensuada coa Fegamp.

Na xuntanza, os representantes municipais recibiron información tamén sobre o bono alugueiro social, que facilita o apoio urxente ás familias con risco de ser desaloxadas. Contempla a concesión de 200 euros mensuais durante un máximo de 3 anos e outra axuda única adicional de 600 euros para afrontar os gastos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.

Ademais, o Instituto Galego de Vivenda e Solo garante a adxudicación directa dunha vivenda para realoxo de afectados por execucións hipotecarias cando estes acrediten uns ingresos ponderados inferiores a 2,5 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).

Na mesma liña, grazas ao acordo do Consello Xeral do Poder Xudicial e a Fegamp, nos casos nos que se detecte especial vulnerabilidade os afectados poden solicitar a suspensión temporal do lanzamento, logrando o aprazamento xudicial dos desafiuzamentos ata acadar unha alternativa de vivenda.

Durante o encontro analizáronse estas e outras medidas -como o programa Reconduce ou o Plan Rehabita– coa finalidade de que os concellos teñan completa información dos recursos e mesmo poidan ampliar as ferramentas ao seu alcance para ofrecer solucións ás persoas que o precisen.

Durante o pasado ano 400 lucenses recibiron axudas da Xunta de Galicia para o aluguer da súa vivenda habitual, un obxectivo ao que a administración autonómica destinou 504.440 euros. Deste total, 39 beneficiáronse do bono social.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com