José Ramón Ónega

A pandemia da Covid estase a converter na ladroa máis implacable dos tempos que levamos vivido, que nos vai arrincando a vida de xentes importantes nas nosas vidas, porque na vida son esenciais as relacións con persoas coas que temos anacos de vida que compartir.

Este pasado domingo converteuse nun día nefasto ao saber do pasamento de José Ramón, o maior dos irmáns Ónega, de Mosteiro da Terra Chá, que desde Madrid prestixian aos  galegos polo seu ser e facer.

Cunha vida intensa dedicada á política, á administración pública, á avogacía e á historia deste noso país, José Ramón levaba máis dunha década sendo o perfecto embaixador dos galegos en Madrid, o primeiro dos madrigalegos que proclaman e prestixian a Galicia na capital das Españas.

Chegar á Casa de Galicia en Madrid, e ser atendidos por José Ramón, anfitrión perfecto, era entender que estabamos na casa, en familia, en Galicia.  Non sei se a Casa fora feita á súa medida, ou el enchía aquelas paredes con tal fervor pola terra e pola xente, que un entendía que mentres vivise este benquerido amigo aquela sería a súa casa, e polo tanto tamén a nosa.

Vai ser difícil entender que xa non está alí como embaixador dos galegos nunha cidade na que os galegos temos tanto que sentir. Pero seguro que a súa pegada quedará impresa na Casa e nas xentes, en todos os que por alí pasamos e puidemos comprobar que o “sentidiño” de Ónega marcou un tempo e un lugar.

Despedimos ao gran señor que un tempo foi compañeiro nestas páxinas e foi amigo de todos os que nalgún momento das nosas vidas tivemos a oportunidade de coñecer un chairego tan especial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com